Universidade

O reitor da UDC urxe financiamento para as universidades na apertura do curso académico

Ricardo Cao, de pé, acompañado por Manuel Reigosa, Román Rodríguez e Antonio López. (Foto: UDC)

O conselleiro de Educación sostén que a Galiza é das autonomías que "máis e mellor" as financia.

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, demandou un incremento do financiamento destinado ás universidades galegas na apertura do curso académico. Fíxoo nun acto central no paraninfo coruñés, con presenza dos demais reitores –Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo (UVigo) e Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela (USC)– ademais doutras autoridades. Mentres, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, indicou que a Galiza é das autonomías que "máis e mellor" financia as súas universidades.

No seu discurso, Cao dixo que é "urxente" compasar o plan de financiamento "ás necesidades reais dos custos estruturais do sistema universitario, dando tamén cumprimento ao obxectivo de alcanzar o investimento do 1% do PIB en universidades" como fixa, lembrou, a Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU). Para iso, apelou a un consenso entre Xunta, universidades e forzas políticas parlamentarias.

E é que ante os retos que deben afrontar as universidades, entre eles o ámbito da investigación e a captación de fondos, sinalou que é necesario sustentar o apoio económico en fondos "estruturais" e non "extraordinarios".

Remuda de persoal

Por outra parte, na súa intervención incidiu noutros dos obxectivos que deben encarar as universidades, e citou, xunto á internacionalización, a renovación dos seus cadros de persoal para o que considerou importante programas específicos de incorporación do talento novo.

O reitor da UDC, que cualificou de "acertado" as novas titulacións implantadas no sistema universitario galego, apelou tamén ao consenso coa Consellaría de Educación nesta materia e no posíbel desenvolvemento dunha nova lei de universidades.

"A LOSU fai previsíbel que na Galiza se opte por desenvolver unha nova lei ou modificar a existente", sinalou nun asunto no que recalcou a demanda das universidades de lograr "o maior consenso" para regular, entre outros aspectos, as titulacións universitarias. Todo iso nunha intervención na que incidiu en velar polo "benestar psicosocial" da comunidade universitaria.

A Xunta defende as súas achegas

Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou a importancia de ter unha universidade "en forma, útil, que beneficie á sociedade e contribúa ao seu crecemento" e apuntou que a Galiza quere ser "a primeira comunidade en chegar ao 1% do PIB, tal como recolle a LOSU".

"Somos das comunidades que máis e mellor financian as súas universidades", asegurou para destacar o obxectivo de que as galegas sexan "sinónimo de calidade". Indicou, tamén, que o financiamento plurianual "non é só para o seu lóxico funcionamento senón para que o esforzo de alumnos e docentes se traduza nun impacto real na sociedade".

Ao fío diso, puxo en valor o plan de financiamento universitario, do que manifestou que incrementa "cada ano" os recursos públicos destas institucións.

Rodríguez, quen celebrou a nova medida da Xunta de bonificación da matrícula universitaria, insistiu en que a Galiza debe "fomentar o tecido investigador e científico para gañar en competitividade, subliñar a excelencia universitaria e captar talento". Outro factor que destacou o conselleiro é unha "maior apertura internacional" das universidades galegas para seguir avanzando.

Ao acto, asistiron, entre outras autoridades, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de A Coruña, Inés Rei, e de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.