Mobilidade

Renfe lanza este verán billetes a 5 euros para menores de 14 anos en AVE, Avlo e Longa Distancia

Tren de Renfe de alta velocidade. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Os billetes poden retirarse desde esta quinta feira para traxectos entre o 28 de xuño e o 8 de setembro.

Renfe puxo á venda, desde esta mesma quinta feira e até o próximo 13 de xuño, billetes a un prezo de 5 euros para que as rapazas e rapaces menores de 14 anos poidan viaxar este verán en AVE, Avlo e Longa Distancia, segundo vén de informar a compañía pública a través dun comunicado.

O operador ferroviario lanzou unha campaña de verán destinada ás familias que viaxen con nenos menores de 14 anos, igualando o prezo dos billetes de neno e nena dos servizos AVE, Alvia, Euromed, Intercity e AVE Internacional ao prezo único dos trens Avlo en tarifa básica, para calquera traxecto.

Esta nova campaña está enfocada a que as e os menores de 14 anos viaxen en trens de Alta Velocidade (AVE e Avlo) e Longa Distancia por 5 euros a calquera destino, entre os próximos 28 de xuño e 8 de setembro.

Os billetes dos crianzas de 0 a 13 anos teñen un prezo de 5 euros coa tarifa básica nos servizos Avlo, cun máximo de dous menores de 14 anos por cada viaxeiro ou viaxeira adulta de 18 anos ou máis.

As condicións comerciais xerais para o resto dos servizos son de 5 euros en 'Básico' e 12 euros en 'Elixe', para os billetes de crianzas de 0 a 13 anos que ocupen unha praza nos trens AVE, Alvia, Euromed e Intercity, e de 0 a 11 anos en percorridos domésticos franceses en AVE Internacional.

Neste contexto, os menores de 14 anos deberán viaxar en compaña dunha persoa de 14 anos ou máis, á vez que Renfe adiantou que en traxectos domésticos franceses deben viaxar acompañados até os 11 anos. Ademais, débese engadir o billete de crianza a un de adulto solicitándoo en Renfe Contigo e non se admite a emisión illada dos billetes.