Mobilidade

Renfe vende máis de 100.000 billetes do programa 'Verán Mozo' en tres días e triplica as cifras de 2023

Tren Avlo de baixo custo de Renfe que inaugurou a liña Murcia-Madrid o pasado 10 de decembro de 2023. (Foto: Edu Botella / Europa Press).
'Verán Mozo' é unha iniciativa para que usuarios e usuarias de entre 18 e 30 anos poidan viaxar con descontos por todo o Estado español e o resto de Europa entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2024.

Renfe vendeu máis de 100.000 billetes no marco do programa 'Verán Mozo' durante os tres primeiros días desta segunda edición, entre o 19 e 21 de xuño, triplicando as cifras rexistradas o ano pasado durante o mesmo intervalo. En concreto, desde o inicio do programa que arrincou o 19 de xuño até a pasada sexta feira, emitíronse 101.186 títulos, fronte aos 29.143 que se expediran o pasado ano na primeira edición, segundo informou Renfe nun comunicado. Ademais, vendéronse 1.085 pases de Interrail coa subvención de 'Verán Mozo'.

Desde as primeiras horas en vigor do programa 'Verán Mozo' rexistráronse períodos punta de até 1.000 solicitudes de acceso á páxina web de Renfe por minuto até que se estabilizaron arredor das 400.

O 'Verán Mozo' é unha iniciativa para que usuarios e usuarias de entre 18 e 30 anos —ambos inclusive— poidan viaxar con descontos por todo o Estado español e o resto de Europa entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2024.

Pódense conseguir billetes con rebaixas de 50% en trens de Alta Velocidade (AVE e Avio) e Longa Distancia, cun desconto máximo de 30 euros por título. E os descontos elévanse tamén até 50% para os billetes sinxelos de Avant e a 90% para o resto dos servizos de Media Distancia ou da rede de Largo Métrico.

Renfe destaca que, ademais, o programa ofrece descontos de 50% no Global Flexíbel de Interrail de 10 días en dous meses, sempre que se adquira a través de Renfe. A redución aplícase ás tarifas oficiais de Interrail.

Para aproveitar a medida, os mozos e mozas con residencia legal no Estado español, nadas entre os anos 1994 e 2006, deben rexistrarse no formulario dispoñíbel na páxina web do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel para confirmar que reúnen os requisitos exixidos. En caso de cumprilos, obterán un código persoal e intransferíbel que utilizarán para adquirir os billetes con desconto e mais o pase Interrail.