Mobilidade

Máis de sete millóns de viaxeiras nos trens da Galiza en 2023, un 43% máis

Pasaxeiros e pasaxeiras na estación de tren da Coruña. (Foto: Manel Méndez)
O servizo Avant A Coruña-Santiago-Ourense foi o terceiro máis demandado a nivel estatal de todos os de media distancia de alta velocidade, con perto de 1,5 millóns de usuarios.

Renfe rexistrou o pasado ano na Galiza máis de sete millóns de viaxeiros e viaxeiras nos trens que define como de servizo público, que son os de Media Distancia Convencional, Avant e Proximidades Ancho Métrico, unha cifra que supón un incremento de até 43% en comparanza co ano 2022, cando se implementaron os abonos para clientes recorrentes.

Segundo trasladou a empresa pública de transporte por ferrocarril a través dun comunicado, a prórroga destes abonos durante o ano 2023 sería o motivo fundamental da elevada demanda de trens, que se viu incrementada en 2,1 millóns de persoas a respecto do ano anterior.

Ademais, o servizo Avant A Coruña-Santiago-Ourense foi o terceiro máis demandado a nivel estatal de todos os de media distancia de alta velocidade, rexistrando perto de 1,5 millóns de usuarios en 2023, un 41% máis que o ano anterior. Os que o preceden en demanda son o Avant Madrid-Segovia-Valladolid e o Avant Madrid-Toledo.

Por outra parte, os trens de Media Distancia Convencional que conectan diferentes puntos da xeografía galega, como o Eixo Atlántico Vigo-Santiago-A Coruña, rexistraron unha suba do 40% no último ano, con máis de 5,3 millóns de usuarios e usuarias totais.

Este aumento no uso do tren evitou na Galiza, segundo afirmou Renfe, a circulación de 4,6 millóns de vehículos e o consumo de máis de 460.000 litros de gasolina, así como tamén freou a emisión de case 1.080 toneladas de CO2 á atmosfera.