Mobilidade

Renfe programa máis de 250 servizos de bus polas obras de Adif na infraestrutura entre A Coruña e Compostela

Pasaxeiros e pasaxeiras na estación de tren da Coruña. (Foto: Manel Méndez).
As persoas usuarias de Renfe poden consultar os trens e traxectos afectados dos servizos públicos galegos na páxina web do operador ferroviario.

Renfe habilitará un servizo alternativo de transporte por estrada debido ás obras que Adif realizará, os vindeiros 21 e 22 de setembro, na infraestrutura entre A Coruña e Santiago de Compostela e a que une A Coruña e Betanzos. Nese tempo, Adif porá a proba con trens a nova sinalización e enclave electrónico da estación da Coruña para a súa próxima posta en servizo.

En consecuencia, Renfe programará a circulación de máis de 250 autobuses durante toda esa fin de semana, incluídos algúns servizos da sexta feira día 20 a última hora e a segunda feira, 23 de setembro, a primeira, para posibilitar así a chegada a destino das persoas clientas dos trens de Longa Distancia que conectan con Madrid. Tamén se verán modificados os trens de Media Distancia e Avant con transbordos por estrada, os días 21, 22 e 23.

AVE, AVLO e Alvia

Desta forma, o servizo de Alta Velocidade, AVE A Coruña-Madrid e Alvia Ferrol-A Coruña-Madrid, modificarase temporalmente durante eses días e realizará o traxecto entre Santiago, A Coruña e Ferrol por estrada. Renfe ofrecerá un total de 30 autobuses para prestar o servizo de trens comerciais —AVE e Alvia—.

Nos servizos Avant A Coruña-Santiago-Ourense, e Media Distancia A Coruña-Santiago-Vigo, A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, Renfe facilitará a mobilidade cun total de 222 autobuses e microbuses, así como até 48 servizos extra de taxi programados.

As persoas usuarias de Renfe poden consultar os trens e traxectos afectados dos servizos públicos galegos en www.renfe.com e os paneis informativos das estacións.