Pazos de Borbén

Residentes de 'Mi Casa', abandonados

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, coa copropietaria da residencia Mi Casa, Lucía Pedroso, nunha fotografía de arquivo. (Foto: Xunta)
As denuncias contra a residencia Mi casa continúan. Esta mesma sexta feira as Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) presentaban un novo escrito en Política Social advertindo da grave situación na que se atopan as persoas residentes. A entidade solicita o fechamento cautelar do centro e a reubicación dos residentes.

A asociación Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) volveu denunciar diante da Xunta a situación das persoas usuarias do centro residencial 'Mi Casa' de Pazos de Borbén. A entidade sinala que, segundo os empregados do xeriátrico, a situación "non variou nada en canto ás melloras agardadas" por estes, xa que presupuñan que habería corrección das eivas após as inspeccións realizadas.

Fechar o centro

A presidenta do colectivo, Sonia Jalda, sinala a Nós Diario que "a situación non pode continuar igual por máis tempo xa que os maiores se atopan nunha situación límite. 17 días despois do noso primeiro escrito a realidade vén sendo a mesma, polo que é hora xa que as autoridades metan man no asunto de verdade". A este respecto, Trega reclama da Xunta da Galiza "o feche cautelar do centro e a reubicación dos residentes", manténdoo clausurado "até que non se garanta a calidade asistencial e a calidade alimentaria".

O último escrito de Trega chega após numerosas inspeccións no centro de responsábeis da Consellaría de Sanidade, da Consellaría de Política Social e da Inspección do Ministerio de Traballo. Precisamente a presenza de persoal deste servizo na residencia está a provocar unha reacción moi dura contra as empregadas e empregados por parte da dirección de empresa.

Traballadoras

Persoal de Mi Casa contactado por Nós Diario certifica "unha actitude moi mala por parte da empresa desde que souberon das denuncias e, sobre todo, desde que comezaron a saír na prensa". A xerencia da residencia, din, "prohíbenos acceder ao centro con teléfonos móbiles, cachéanos ao entrar e saír e tentan impor o terror mediante ameazas de botarnos á rúa. Desde hai uns días estannos metendo presión para que asinemos un escrito defendendo a empresa".

A xefa do servizo de Inspección de Maiores, Capacidade e Dependencia da Consellaría de Política Social, Berta Besada, recoñeceu esta sexta feira nun escrito remitido a Vellez Diga —ao que tivo acceso ese xornal— que na residencia 'Mi Casa' "constatáronse incumprimentos en relación co persoal de enfermaría e persoal de cociña". Asemade, sinalou que instaron o centro "para que manteña un estado de limpeza e salubridade óptima e indícalle a obriga de que os menús deben estar supervisados por persoal técnico".

Política Social

Os inspectores de Política Social e Cultura foron os primeiros en acudir ao centro. A primeira visita formalizouse 5 de maio e a segunda 9 de maio. Así, en relación con esta última, fontes de Política Social indicaron a Nós Diario que "os inspectores ordenaron o precinto dos conxeladores da residencia, onde mesmo se atopou comida non axeitada para eles". Ao tempo, advertiron "á enfermeira que acode ao centro que non se pode traballar a un tempo no Sergas e nesta residencia" e sinalaron "á traballadora social a obrigatoriedade de ensinar todas as estancias por ser un centro de traballo".

A dirección da residencia 'Mi Casa' rachou onte o seu silencio, lamentando ser  "vítimas" dunha serie de informacións "carentes de veracidade".

Nesta liña, afirmaron que "a maioría das fotografías publicadas non se corresponden cos nosos residentes, cuxas patoloxías son obxecto de tratamento constante por parte do noso servizo de enfermaría e por parte da nosa médica, que ostenta vínculo laboral, o que garante asistencia médica aos nosos 58 usuarios".

As relacións politicas da copropietaria do centro de maiores 'Mi Casa' Lucía Pedroso

Ninguén a coñece agora no mundo da dereita e da patronal pontevedresa, á que está ligada desde hai máis dunha década Lucía Pedroso. As persoas consultadas por Nós Diario negan calquera relación con ela e explican as fotos con importantes cargos do Goberno galego como resultado dunha simple coincidencia. Hai quen vai máis alá e preséntaa simplemente "como outra pequena Nicolás", con busca de notoriedade e de subir no ascensor social. Sexa como for, as pegadas dos seus contactos con responsábeis públicos están a vista.