Un bar de Oleiros fecha para evitar o "turismo de desgaste" dos visitantes de Madrid

Imaxe da costa de Dexo, en Oleiros. (Foto: Tanja Freibott)
A tempada alta non parece estar compensando neste local galego, cuxos donos alegan desgaste físico e mental ante as moreas de turistas madrileños que desembarcarán no municipio a raíz da ponte do 15 de agosto.

Os responsábeis de Puerto Marina, un bar-cervexaría próximo á praia de Mera, en Oleiros (comarca da Coruña), tomaron a determinación de fechar o estabelecemento durante unha semana en pleno mes de agosto, tempada de fortes ingresos.

Porén, a tempada alta non parece estar compensando neste local galego, cuxos donos alegan desgaste físico e mental ante as moreas de turistas madrileños que desembarcarán no municipio a raíz da ponte do 15 de agosto.

Neste contexto, decidiron descansar, porque este turismo “de desgaste” non os enriquece, senón todo o contrario. Unha decisión que causou aplausos e críticas por igual, e cuxa polémica se retroalimentou tras a dura mensaxe publicada en redes sociais o pasado 8 de agosto, cando escribiron que “se cae unha bomba en Mera quedan sen parvos na Meseta”.

Segundo publica o medio dixital Quincemil, que recolleu os testemuños dos traballadores e rexentes de Puerto Marina, a miúdo teñen que soportar durante a época estival clientes problemáticos, rañas, tramposos e altivos.

Con moi poucas excepcións e cun denominador común, segundo explican desde a xerencia deste estabelecemento costeiro: a maioría provén de Madrid, debido á arraigada tradición de veraneo no municipio de Oleiros, que ten máis de medio século.

Os rexentes do estabelecemento lamentan ademais que os turistas sentan na terraza do bar, con exixencias inversamente proporcionais ao seu poder adquisitivo ou ás poucas ganas de facer uso del, polo que non deixan ganancias acordes ao traballo que demandan.

De feito, detallan que as mesas que ocupan non supoñen unha axuda para o bar, senón todo o contrario, e a súa estancia, din, adoita estar acompañadas de faltas de respecto. “Altivez, exixencias, peticións que non son normais, mala educación e de cando en vez un insulto xenófobo ao persoal que non é español”, concreta a responsábel do bar, que define este fenómeno como “turismo de desgaste”.