Retoman a busca dos dous desaparecidos no encoro de Belesar, aínda sen noticias deles

Mergulladores buscando o home desaparecido no encoro de Belesar dentro do termo municipal do Páramo, na tarde desta terza feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os profesionais que participaban nos labores de procura do pescador desaparecido no encoro á altura do Páramo concluíron a última hora da terza feira, sen éxito, o operativo para regresar na mañá desta cuarta. Tampouco hai noticias aínda do outro home ao que se lle perdeu a pista, nas mesmas augas, en Taboada.

Os mergulladores da Garda Civil que participaban na procura dos dous homes desaparecidos esta terza feira no encoro de Belesar tiveron que retirarse da auga arredor das 22.30 horas da noite por mor da falta de luz. Primeiro, sobre as 16.30 horas, un mozo pescador afundiu após precipitarse ao río Miño no concello do Páramo (comarca de Sarria) cando tentaba recuperar a súa cana. E só tres horas despois, sobre as 19.30 horas, ocorreu o mesmo cun bañista no club náutico Ponte Mourulle, no municipio de Taboada (comarca de Chantada). A primeira hora desta cuarta feira retomouse o operativo.

Segundo informan fontes da central do 112-Galiza e da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press, o primeiro destes sucesos ocorreu na parroquia de Reascos, no Páramo, e foi un amigo do pescador desaparecido que nese momento estaba con el quen alertou a Emerxencias. O home perdeu a súa cana e, ao tentar recuperala, caeu á auga sen que el puidese facer nada. Ademais, advertiu que necesitaba asistencia sanitaria. Con estes datos, a central de emerxencias solicitou a presenza de Urxencias Sanitarias-061, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil.

Os bombeiros acudiron de inmediato ao lugar e rastrexaron a zona, primeiro cuns prismáticos e logo un deles puxo o traxe de neopreno para mergullarse e buscar directamente na auga. Conseguiron localizar a cana de pescar, pero non o home desaparecido. Con todo, ante a "falta de medios" para facer procuras de tal complexidade no encoro, sinalaron, deixaron os labores en mans da Garda Civil, que agora coordina o operativo.

O Instituto Armado enviou até o lugar varios mergulladores do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) e drons, pero a falta de luz natural á noitiña provocou que a procura baixo a auga tivese que suspenderse até esta cuarta feira. Por parte de Urxencias Sanitarias-061, mobilizouse un helicóptero medicalizado con base en Ourense que aterrou no lugar e atendeu o amigo do desaparecido.

Un helicóptero da Garda Civil buscando os desaparecidos na contorna de Belesar. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Segunda desaparición

Apenas tres horas máis tarde, ao fío das 19.30 horas, varios particulares púñanse en contacto coa central do 112 para alertar de que un bañista saltara á auga desde o pantalán do club náutico de Ponte Mourulle, en Taboada, e viran como afundía sen que puidesen facer nada por el.

Algunhas persoas que estaban alí rastrexaron a zona para tentar, sen éxito, dar co seu paradoiro. Mentres, o 112 daba o aviso á Garda Civil, o GES de Monterroso e Urxencias Sanitarias-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado e mais unha ambulancia.

Por parte do Instituto Armado, desprazáronse até o lugar dúas patrullas. No club náutico estaban pola noite aínda á espera de que os mergulladores do GEAS concluíse os seus traballos na desaparición do pescador no Páramo para que se puidesen desprazar até o seu complexo e iniciar a procura do bañista.