'Irimia' reforzará o seu espazo na Rede

A revista da “teoloxía da liberación galega” fai 1.000 números

A mesa de redacción de 'Irimia' en 1984 en Vilalba. De esquerda a dereita, comezando no segundo: Alfonso Blanco, Daniel López, Manolo Regal, Xosé Antón Miguélez, Victorino Pérez (de pé) e Xosé Lois Vilar. Acompáñaos Carlos Montero (primeiro pola esquerda). Foto: 'Irimia'.

A asociación Irimia naceu en 1978. O seu obxectivo fundacional, explicaba o finado Xosé Chao Rego, era “artellar todo ese movemento, bastante difuso” que abalaba entre “os valores do Evanxeo e o sentimento de pertenza á Galeguidade”. Corenta anos despois aínda respira. E a súa emblemática revista atinxe o número 1000.
 

“Non nos enganemos, Irimia é unha cousa pequeniña que ademais non quere ser maior do que é”, explica sobre a publicación Daniel López Muñoz, o seu coordinador, “mais quere ser, iso si, significativa para unha rede de persoas, grupos, comunidades. Con poder de inspiración, de evocación”. Cincocentos subscritores manteñen vivo o proxecto, de periodicidade quincenal e desde hai tempo con versión na Rede.

 

Nada en 1981 baixo a dirección de Vitorino Pérez Prieto, Irimia foi semanario durante cinco anos. Tamén a dirixiu Carme Puente. “En principio estaba moi centrada na Galiza agraria”, lembra para Sermos Galiza López Muñoz nun correo electrónico, “cunha cobertura en parroquias de todo o país e co apoio dun amplo grupo de grupo de cregos e comunidades postconciliares, antifranquistas e galeguistas”. Unha “teoloxía galega da liberación”, puntualiza.

Aquel rastro, o da militancia conectada coa política emancipadora do século XX -neste caso, fraccións progresistas dunha institución máis ben conservadora, a Igrexa-, aínda se percibe nas súas páxinas. Pero mudaron os tempos e mudaron as vontades: “”Aquela Galiza cambiou considerabelmente. Irimia, con toda esa herdanza, quere ser un lugar de encontro e referencia común e esperanzada. É máis laica, un diálogo vivo de sensibilidades diferentes”.

 

O número 1000, que en breve chegará a subscritoras e librarías, suporá unha celebración. “É que somos moi de celebrar”, di o coordinador, “e atinxir un milleiro de números implica, como dicía Pepe Chao, un horizonte común, unha fonte de utopía”. O repaso polos 37 anos de historia, a ollada de amigas e amigos ao “territorio Irimia” ou unha explicación -a cargo de Rubén Aramburu e Xabi Blanco- das “tendencias” do colectivo son algúns dos contidos.

 

Se bota a ollada atrás, López Muñoz é quen de indetificar “certos eixos de preocupación” entre os tratados por Irimia. “A solidariedade desde abaixo; a ferida na autoestima do país coa lingua como síntoma; os estereotipos, dogmatismos e correccións políticas que inviabilizan un diálogo entre fe e esquerda política; a necesidade dunha utopía ética e dunha ética utópica”, expón.

 

E, ao tempo, relata novos focos e intereses na publicación: “A sociedade hoxe é moito máis plural. Irimia conecta na práctica con realidades que fan país, sen etiquetas. Na última etapa temos devoción polo pequeno, polas experiencias e iniciativas que xa están tecendo alternativas desde abaixo a un capitalismo depredador coa natureza e letal para a vida comunitaria”.

 

O milleiro de números servirá, ademais, como inflexión. Irimia -de cuxa redacción fan parte, amais de López Muñoz, Rubén Rivas, Pedro Pedrouzo, Luís Aldegunde, Lidia Campos, Lines Salgado e Antonio Martínez; só cobran os encargados de maquetación, impresión e distribución, o resto do traballo é “colaborativo”- dilatará a súa periodicidade en papel e reforzará a presenza en Internet: “O papel foi baixando e as visitas á web subindo. Seica é lei de vida”.  

 

“Só hai algo claro”, conclúe, “Irimia será o que queira a enorme rede enorme de xente colaboradora e irá até onde esa xente toda queira e poida ir”.

 

Nota: cuberta do número 821 de Irimia.