A Ribeira Sacra, afectada por unha crise de excedentes na viticultura, fai 900 anos

Acto de celebración dos 900 anos do nome Ribeira Sacra, esta cuarta feira en Montederramo (Terra de Caldelas). (Foto: Xunta da Galiza)
Esta cuarta feira conmemorouse o 900 aniversario da aparición do nome Ribeira Sacra nun documento oficial. Coa posíbel declaración desta rexión como Patrimonio Mundial da Unesco no foco da celebración, unha crise no sector vitícola desta Denominación de Orixe (DO) ameaza o modelo turístico que se busca promover.
 

No mesmo día en que institucións como a Xunta da Galiza e as Deputacións de Lugo e Ourense conmemoraron esta cuarta feira os 900 anos da orixe da denominación Ribeira Sacra coa "mira posta no ano 2026, cando será avaliada a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco", afirmou Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural, con vistas á promoción turística da rexión, as produtoras vitícolas alertan dunha crise na DO que poría en perigo outras actividades como a turística.

"Intuímos que existe nestes momentos unha crise de excedente, isto é, que hai viño de sobra nas adegas", confirma en conversa con Nós Diario Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultores.

"Ao non seren quen de comercializar este excedente de viño, algunhas adegas están ameazan con deixar uva sen recoller este ano", engade. Segundo explica Rivas, isto representaría un problema "moi grave" para a DO, especialmente porque afecta parcelas de pequenas viticultoras e viticultores que se verán abocados a abandonar os seus labores. 

"Unha vez que abandonen as vides, esas zonas serán irrecuperábeis, sobre todo porque os predios destes pequenos viticultores están nos socalcos e onde está a Ribeira Sacra máis turística", aclara Rivas. 

Na mesma liña manifestouse na última semana o Sindicato Labrego Galego (SLG), que solicitou á Consellaría do Medio Rural a convocatoria urxente dunha mesa de traballo para abordar esta crise. Desde este sindicato consideran necesarias medidas de urxencia e actuacións a medio prazo, pois "para o ano 2025 é necesario empezar a traballar xa".  

Na mesma liña, Unións Agrarias (UUAA) lamentan a "inacción" de Medio Rural ante este "grave problema", que calculan que afectará perto de 600 viticultores. A organización agrogandeira fai un chamamento in extremis e insta o Goberno galego a actuar para que os viticultores da DO conten con "garantías de recollida na vendima que se aproxima".

Medidas urxentes para solventar o problema

Tanto o presidente da AGV como os sindicatos agrarios coinciden na necesidade de que o Executivo galego tome medidas de modo "urxente". 

Roberto Rivas urxe un maior apoio da Administración á comercialización dos viños da Ribeira Sacra, "cunha campaña de promoción moi potente". Mais tamén "axudando as bodegas, aumentando a capacidade instalada para que poidan recoller máis uva e, así, solucionar o problema no inmediato e para que non volva repetirse a mesma situación".

Con todo, Rivas pon tamén o foco nas persoas consumidoras. "Todos podemos contribuír a achegar unha solución. A todos nos encanta pasear pola Ribeira Sacra, ver os canóns en catamarán cos seus viñedos heroicos. Pero para que haxa viñedos heroicos ten que haber viticultores heroicos. Algo tan sinxelo como que cando tomemos un viño cos colegas pidamos un Ribeira Sacra axuda a que esa paisaxe e os viticultores que a manteñen sobrevivan", conclúe o presidente da AGV.