Ensino

A Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT asinan o acordo para baixar as ratios nas aulas

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os representantes sindicais José Manuel Fuentes (CCOO), Julio Díaz (ANPE) e Sandra Montero (UXT), esta cuarta feira, na sinatura do acordo. [Foto: Europa Press]
A CIG, organización maioritaria entre a comunidade docente, desmárcase do que cualifica como "acordo da infamia". Tampouco o asina o STEG.

A proposta da Xunta da Galiza para reducir as ratios de alumnado por aula e o horario lectivo das e dos docentes logrou finalmente o apoio dos sindicatos CCOO, UXT e ANPE, cuxos representantes, José Manuel Fuentes, Sandra Montero e Julio Díaz, respectivamente, asinaron onte o documento nun acto ao que asistiron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente, Alfonso Rueda.

Faltou a sinatura, precisamente, do sindicato maioritario no sector, a CIG, que se desmarcou e avanzou a convocatoria dunha folga no ensino galego o vindeiro 24 de outubro por interpretalo como un "acordo da infamia" que "deixa fóra as cuestións fundamentais demandadas polo profesorado".

A diminución das ratios será paulatina, comezando no vindeiro curso 2024-25 por 4º de Infantil (tres anos), onde o máximo pasará de 25 a 20 crianzas por aula. E así até alcanzar no 2032-33 o 6º curso de Primaria. No caso de Secundaria e Bacharelato tamén se reducen, a 25 no primeiro caso e 30 no segundo, mais a súa implantación non se iniciará até 2027. As nenas e nenos que teñan unha discapacidade recoñecida de máis de 33%, unha dependencia de grao I ou un trastorno de conduta grave computarán por dous alumnos a efectos da ratio, e por tres se a discapacidade é igual ou superior a 65% ou a dependencia de grao II ou III.

No que atinxe ao horario lectivo, minguará en Infantil e Primaria, pasando de 25 a 23 aulas semanais para o persoal docente, mentres fica no ar a súa aplicación a ESO e Bacharelato, pois depende das negociacións da Xunta para estabelecer a xornada de 35 horas semanais para todos os traballadores públicos.

En materia económica, elevaranse os sexenios por formación permanente 5% en tres anos, até alcanzar 15% en 2026, e o complemento por funcións de dirección ou xefatura de estudos subirá até 60 euros a partir dese ano. E as funcións de titorización incrementaranse, de forma escalonada, 20% en dous anos, tamén coa mira posta en 2026.

Os sindicatos asinantes celebraron o acordo como un "bo comezo" para negociar coa Administración que recolle xa medidas "moi importantes" como a baixada das ratios, e tamén o conselleiro Rodríguez celebrou a súa "responsabilidade" e "altura de miras". Mais a CIG, porén, insiste en que o documento fica moi lonxe de cumprir coas expectativas e acusa os outros sindicatos de cederen diante do Goberno galego. Tampouco asinou o texto o sindicato STEG.

Un acordo "supeditado ao calendario do PP"

A CIG lamenta que o acordo se adoptara "nun tempo récord e supeditado ao calendario electoral" do PP, "pondo a sinatura do acordo no último día" do Debate do Estado da Nación. Tamén afirmou onte que o profesorado "foi empregado como refén dos intereses do PP e duns sindicatos" que "deixou tirado o profesorado nas reclamacións que hai 10 meses estaban nos programas das eleccións sindicais".

STEG tamén convoca folga

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) convocou onte folga para o 24 de outubro -mesma xornada para a cal convocou en solitario a CIG-Ensino- ante o "pobre acordo" alcanzado. "Sobran os motivos", salienta STEG, que cita a perda de poder adquisitivo, a "constante burocratización" do traballo diario, a necesidade da "baixada inmediata" de ratios e da "recuperación das 18 e 21 horas [lectivas] para Secundaria e Primaria" ou a "recuperación do soldo de xullo e agosto para o persoal" interino.