Sabucedo marcha "contra a avalancha eólica"

Un dos tramos da andaina, de 4 quilómetros (Foto: A Rapa das Bestas)
A  Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo son os convocantes desta andaina de protesta contra a "nova avalancha de 'macroproxectos' eólicos na Terra de Montes e arredores"; e que mesmo ameaza lugares chave para a tracidión da rapa.

Néboa, humidade e poalla. Nada desanimou as ao redor de 200 participantes este sábado na andaina en Sabucedo contra a “avalancha eólica” e que realizaron un roteiro de 4 quilómetros co obxectivo de "defender a última serra do interior da provincia de Pontevedra sen colonizar pola industria eólica".

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo son os convocantes desta andaina de protesta contra a "nova avalancha de 'macroproxectos' eólicos na Terra de Montes e arredores". A organización desta andaina, conta coa participación do Concello da Estrada, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Concello de Campo Lameiro.

Paulo Vicente Monteagudo, da Asociación Rapa das Bestas explicaba esta semana a Nós Diario o obxectivo desta iniciativa. “Cando parecía que xa tiñamos as medidas cautelares decretadas polo TSXG e pensabamos que tiñamos un impass e podiamos centrar a Rapa noutra cuestión que non for a loita contra este parque eólico, vémonos empurrados ao mesmo. Pasamos a vaga dos parques tramitados pola  Xunta e aparecen agora os tramitados polo Estado, que aínda son máis bestas, porque van máis alá e cun oscurantismo na tramitación que nos deixa indefensos”.

“Non sabemos do período de alegacións, como alegar, se se vai rexer polo Decreto 2013 ou pola regulación da crise enerxética, se vai pola vía urxente... Se os tramitan polo Decreto 2013 polo menos haberá unha Avaliación de Impacto Ambiental, que nós temos claro que no noso caso é fundamental”, confesaba.

O anuncio do Ministerio para a Transición Ecolóxica yde novos proxectos de parques eólicos fixo saltar as alarmas entre a veciñanza dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.

Concretamente, os proxectos eólicos Xubrintas (61,95 MW) e Alamoceiros (68,49 MW), os cales se compoñen de 15 e 18 aeroxeradores respectivamente, ademais de varias subestacións e quilómetros de viais así como liñas de alta tensión. 

O parque eólico Xubrintas afecta especialmente ás parroquias de Sabucedo, Codeseda e Souto no concello da Estrada e á parroquia de Quireza en Cerdedo-Cotobade, mentres que Alamoceiros se estende pola meirande parte do concello de Campo Lameiro e por boa parte do Concello de Cerdedo-Cotobade. 

A entidade Rapa das Bestas urxía en maio a declaración BIC para protexer Sabucedo da eólica.