Sanidade pública

Sanidade busca persoal médico "veraneante" para cubrir vacantes

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)
Facenda defende a contratación do Sergas.

A Consellaría de Sanidade estuda que médicos e médicas que teñan segunda residencia no Barbanza poidan traballar no verán en centros de saúde da zona, co obxectivo de "cubrir as vacantes que se produzan na época estival". Así o comunicou esta cuarta feira o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, na Cámara galega para responder unha pregunta da deputada do BNG Rosana Pérez, que denunciou que a "falta de facultativos" en Ribeira non só "persiste", senón que "empeora".

Segundo describiu Pérez, no municipio hai unha carga asistencial "brutal", con "só tres ou catro médicos" no centro de saúde, e preguntou como se vai prestar o servizo tendo en conta que a poboación de Ribeira "medra de modo exponencial no verán".

Facenda defende a contratación no Sergas

O último informe que publicou o Consello de Contas sobre o Sergas –fiscalización da Conta Xeral do Servizo galego de Sanidade de 2022—, ratifica para o BNG as súas denuncias de que o Orzamento do Sergas "é un ecosistema perfecto para que o PP na Xunta faga uso dos cartos públicos sen render conta".

A deputada nacionalista Montserrat Prado denunciou esta cuarta feira no pleno "o aumento do gasto en servizos prestados con medios alleos, os destinados á sanidade privada, 226 millóns de euros nesa anualidade". Na súa resposta, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, acusou a nacionalista de "catastrofista". Por outra parte, o Parlamento galego rexeitou, cos votos maioritarios do PP, as proposicións non de lei do BNG que demandaban máis persoal e medios para o sistema de dependencia e de saúde mental na Galiza.

Corgos tamén defendeu o uso dos contratos menores e sen publicidade e acordados co empresariado por parte do Sergas porque serven, segundo xustificou, para comprar medicamentos para os que "non hai" competencia. "Non é que non se permita a competencia, é que non a hai", xustificou, citando como exemplo a vacina intranasal infantil contra a gripe.