Sanidade pública

Sanidade espera captar un cento de MIR de 4º ano, "polo menos 80%", para cubrir vacantes no verán

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, esta terza feira, visitando o centro de saúde do municipio. (Foto: Xunta)
O conselleiro insiste en que é "totalmente legal" e que "está dentro do programa formativo" da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, estima que arredor dun cento, "polo menos 80%", de médicos internos residentes (MIR) de 4º ano na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria aceptarán cubrir vacantes no verán en centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) da Galiza. Así o explicou Gómez Caamaño, en declaracións aos medios durante unha visita ao centro de saúde de Noia (comarca homónima) esta terza feira, tras a reunión do Goberno galego da segunda feira na que se aprobou un plan con medidas de cara á época estival dotado con 12,5 millóns de euros.

"Temos varias medidas, queremos explotar todas as posibilidades e os resultados veranse ao final. Eu son optimista, porque son medidas boas", constatou o conselleiro. Un dos puntos inclúe que os MIR de último ano poidan pasar consulta de maneira voluntaria, retribuída e supervisada. Os interesados poderán mostrar interese a partir desta terza feira. Por tanto, aínda non puido ofrecer un dato exacto de cantos se apuntarán, pero confía en que "polo menos 80%" dos 127 que hai accedan. "Mesmo hai unha área sanitaria na que o 100% van participar", subliñou.

Consciente de que foi unha medida "controvertida" que colmou a actualidade política nos días pasados, o titular de Sanidade insistiu en que é "totalmente legal" e que "está dentro do programa formativo" da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

Ademais, subliñou que é algo "voluntario", "incentivado" cun salario a maiores e "supervisado", todo iso "avalado polo Ministerio de Sanidade, aínda que despois van saír por aí a dicir cousas que non teñen nada a ver", dixo.

A maiores, o plan aprobado esta segunda feira pola Xunta recolle que os médicos do 061 poden traballar na PAC durante o verán. Sanidade aspira a captar "todos os que se poida". Tamén se tentará que médicos que veraneen en zonas máis tensionadas —mesmo procedentes doutras autonomías— traballen nos centros de saúde galegos.

A Xunta fixo "os deberes"

En definitiva, Gómez Caamaño insistiu en que o Sergas fixo "os deberes de facer un plan" mentres o Ministerio de Sanidade "segue sen facer o seu traballo, que é fabricar médicos" a través da formación de especialistas.

A reunión do Consello da Xunta da segunda feira tamén aprobou a nova convocatoria de prazas de formación sanitaria especializada (FSE), que inclúe os MIR, para o próximo período 2024-25. Será unha oferta "histórica" de 657 vacantes e que, de feito, esgota "100% das prazas acreditadas" en categorías deficitarias como Medicina Familiar e Pediatría, entre outras.