Saúde

Sanidade espera casos importados de mpox de clado I pero insiste en que o risco de transmisión é "baixo"

Unha persoa con síntomas da mpox. (Foto: Marina Demidiuk)
"A posibilidade de transmisión sostida é moi baixa, sempre que os casos se diagnostiquen rapidamente e se implementen medidas de control", sinalan desde o Ministerio.

O clado I, a variante máis grave e contaxiosa da mpox —a enfermidade antes coñecida como varíola do mono—, acabará chegando máis cedo que tarde á Galiza, mais polo de agora non hai por que alarmarse. Esa foi a mensaxe que transmitiu esta sexta feira o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), dependente do Ministerio de Sanidade, que lembrou que o risco de transmisión xeneralizada deste virus é aínda "baixo" no conxunto do Estado español. "A posibilidade de transmisión sostida é moi baixa, sempre que os casos se diagnostiquen rapidamente e se implementen medidas de control", precisaron desde esta institución.

Tanto no Estado como no resto da Unión Europea a circulación de mpox, inicialmente do clado II —o gromo que en 2022 provocou unha primeira emerxencia sanitaria internacional— e agora en países como Suecia da nova cepa, ficou sempre en niveis "moi baixos" e cun perfil epidemiolóxico "estábel".

Porén, admite o CCAES, hai aínda "moita incerteza" sobre a evolución da mpox, "debido aos niveis subóptimos de detección e notificación de casos nos países afectados —fundamentalmente de África— e á capacidade diagnóstica dos seus laboratorios".

A entidade recomenda "reforzar a capacidade diagnóstica" na sistema sanitario estatal e continuar cos procedementos de detección precoz de casos e implementación de medidas de control para conter o virus.