Sanidade estuda a relación de dous focos na Mariña que elevan os positivos detectados a 18

(Europa Press)
"Hai dous núcleos na mesma Mariña que, posibelmente, estean relacionados", afirma o conselleiro.

A Consellería de Sanidade, a través de Saúde Pública, estuda a relación de dous focos na Mariña que elevan os positivos no brote detectado a 18 casos positivos.

Así o sinalou esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ao comezo dunha rolda de prensa sobre os protocolos de seguridade para lecer nocturno e verbenas, na que indicou que o brote na comarca coruñesa de Barbanza "está controlado" e "non houbo ningún cambio" con respecto a xornadas anteriores.

Con todo, en relación á zona da Mariña luguesa destacou que están "aínda na fase de control de contactos" e detectáronse "directos 11 casos" no concello de Xove.

"Hai dous núcleos na mesma Mariña que, posibelmente, estean relacionados", afirmou Almuiña, para puntualizar que o investiga Saúde Pública, "que poderían alcanzar un total de 18 (positivos) no brote" desta comarca "se se confirman estes casos, que até agora eran orfos, non tiñan ningunha relación causal co brote orixinal", puntualizou.

"Estamos a facer os estudos de contactos e facendo probas diagnósticas", engadiu en relación con este brote.

Con todo, o conselleiro subliñou que non se acabou "aínda" a crise sanitaria. "Non vencemos a pandemia, estamos nunha situación epidemiolóxica boa", manifestou.