Sanidade, lista para vacinar as crianzas menores de 12 anos

Crianzas accedendo a un colexio de Madrid o pasado mes de setembro. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A ministra Carolina Darias asegurou que poderían asumir a campaña de inoculación fronte á Covid-19 a nenas e nenos de menos de 12 anos no momento en que o autorice a Axencia Europea do Medicamento (EMA). Ademais, após o encontro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, comentou que varios territorios xa remataron o tratamento coa terceira dose nas residencias de maiores.

O Ministerio de Sanidade está en disposición de dirixir unha nova campaña de vacinación fronte ao coronavirus, neste caso entre as crianzas de menos de 12 anos, neste mesmo momento. É o que trasladou esta cuarta feira a responsábel desta carteira, Carolina Darias, ao garantir que España está "preparada" para comezar o tratamento cando a Axencia Europea do Medicamento (EMA) dea a súa autorización.

Unha vez rematada a reunión de traballo cos membros do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Darias advertiu de que "non vai ir á marxe da EMA".

"Estamos preparados", afirmou respecto ao momento no que a axencia dea o seu visto e prace á inoculación dos fármacos de loita contra a Covid-19 nas nenas e nenos.

"As comunidades autónomas van seguir realizando o mesmo traballo excelente que fixeron ata o de agora", engadiu, ao respecto dunha hipotética campaña de vacinación.

Revisión de grupos receptores

Ao tempo, a representante do Goberno estatal explicou que o seu departamento está nun "proceso de revisión continua" da evolución epidemiolóxica e dos posíbeis contaxios para aclarar cales son os grupos de poboación que deben recibir unha terceira dose de reforzo.

Ao fío desta medida, Darias revelou que distintos territorios "comunicaron que todos os usuarios das súas residencias xa recibiron a terceira dose".

Continuidade da máscara

Na súa comparecencia, a ministra alertou de que as máscaras "chegaron para quedar", cando menos no outono ante a incerteza do que poida acontecer coa gripe. "O que si temos claro é que polo menos durante un tempo van seguir connosco", insistiu a modo de advertencia á cidadanía.

Ademais de falar da evolución sanitaria da Covid-19, en España emitíronse xa 27 millóns de certificados.