Saúde

Sanidade reúne as comunidades para avaliar a estratexia de vacinación da mpox

As autoridades sanitarias lembran aos grupos de risco a necesidade de vacinarse fronte á mpox. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
As autoridades sanitarias revisarán as actuacións contra a doenza vírica.

O Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea (UE) reuniuse esta segunda feira ante a emerxencia sanitaria internacional pola mpox e concluíu que "non se recomenda" o control nas fronteiras pola expansión do virus, xa que o risco na UE aínda é "baixo", aínda que aumenta en poboación con contacto estreito con casos diagnosticados e en persoas especialmente vulnerábeis, e "non se descarta a aparición de máis casos novos importados na UE".

Segundo o Ministerio de Sanidade, o Estado español pasou de 7.521 a 264 casos anuais da antes coñecida como varíola do macaco e que en 2022 alcanzou o seu maior surto fóra do continente africano. Entón a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou a emerxencia sanitaria internacional que elevou o interese sobre o diagnóstico, o manexo dos contactos estreitos, a vacinación e o uso de antivirais, ademais de alentar unha maior concienciación e colaboración entre os colectivos máis afectados.

Segundo datos do Instituto de Salud Carlos III, aquel ano a Galiza confirmou 122 casos, declarou 2 en 2023 e 6 no que vai de 2024, cando a situación na República Democrática do Congo obrigou de novo as autoridades a lanzar unha alerta internacional. Nos primeiros meses do ano, o país africano notificou máis de 15.000 casos de mpox e medio millar de falecidos. É aí onde se concentra o máis grave desta enfermidade causada por un tipo de virus distinto ao de hai dous anos e de cuxo primeiro caso en Europa informou Suecia.

Candidatas á vacina

Segundo suxeriu a ministra do ramo, Mónica García, o Ministerio non descarta modificar a estratexia de vacinación para incorporar a quen viaxe a países de risco. Será un dos asuntos de debate da reunión convocada esta terza feira e á que están chamadas todas as comunidades. As recomendacións coas que traballan as consellarías parten da vacinación obrigatoria contra a varíola humana entre 1944 e 1979 e que desapareceu dos calendarios tras a erradicación da doenza. A esa protección previa súmase agora a dispoñibilidade dunha nova vacina aprobada pola Comisión Europea en 2013, "autorizada para a inmunización activa fronte a varíola e que contén unha porción atenuada do virus que non provoca a enfermidade e que é máis segura que as anteriores vacinas".

Nunha circular publicada polo Sergas en agosto de 2023, infórmase da estratexia actual "pendente de revisión". A vacinación postexposición vai dirixida a contactos estreitos de casos confirmados que non pasasen a enfermidade e tamén a persoas con maior risco de enfermidade: poboación menor de 18 anos, embarazadas e persoas con inmunodepresión, ademais de persoal sanitario con contacto achegado e persoal de laboratorio que manexe mostras de pacientes sospeitosos ou confirmados. A profilaxe preexposición está indicada en persoas que manteñen prácticas sexuais de risco e outras "con risco ocupacional" que non poidan garantir a súa protección individual.

O Ministerio asegurou esta segunda feira que dispón dun stock de 500.000 vacinas, que poderían usarse a 1/5 de dose por vía intraepidérmica e despregarse en ao redor de 2 millóns de doses.

14 puntos de vacinación contra a mpox na Galiza

As persoas candidatas a recibir a vacina fronte á mpox poden solicitar a vacinación a través dun formulario específico que a Consellaría de Sanidade pon a disposición das usuarias do Sergas e que poden enviar cuberto por correo electrónico. Serán os servizos de Medicina Interna dos hospitais quen xestionen as solicitudes ao tempo que colaboran cos servizos asistenciais na captación de novos candidatos para lles ofrecer a profilaxe.

Os puntos de vacinación habilitados están nos hospitais públicos e, segundo informou esta segunda feira a Consellaría de Sanidade a través dun comunicado de prensa, na Galiza vacináronse até o momento un total de 1.420 persoas, 549 cunha dose e 871 con dúas dose. "Ás 549 persoas con só unha dose tentaráselles recaptar para proceder á administración da segunda delas", explicou a Consellaría, que chama a poboación "á calma".