A Embaixada de Palestina agradece o recoñecemento do Estado e denuncia: "As atrocidades de Israel superan calquera ficción"

O primeiro secretario da Embaixada Palestina, Khaldun Almassari, visita aos estudantes acampados na Facultade de Historia da USC. (Foto: Álvaro Ballesteros)
O primeiro secretario da Embaixada de Palestina no Estado español, Khaldun Almassri, participou esta cuarta feira nunha charla na Facultade de Historia da USC, onde se atopan, desde o pasado 14 de maio, estudantes acampados en solidariedade co pobo palestino.

O primeiro secretario da Embaixada de Palestina no Estado español, Khaldun Almassri, agradeceu esta cuarta feira ao Goberno de Pedro Sánchez o recoñecemento do Estado de Palestina que "vai en camiño", xunto a todos os "esforzos internacionais", para "pór fin" á "ocupación ilegal militar israelí". "Agradecemos moitísimo a España este recoñecemento, que é unha mostra máis de respecto de España ao dereito internacional", salientou, na súa primeira visita a Santiago de Compostela e un día despois de que o presidente Sánchez fixese oficial o recoñecemento.

Khaldun Almassri participou nunha charla na Facultade de Historia da USC, onde se atopan, desde o pasado 14 de maio, estudantes acampados en solidariedade co pobo palestino. Acompañado de Miguel Paz como representante do sindicato STEG, o primeiro secretario da Embaixada agradeceu ao movemento estudantil as súas accións a favor de Palestina.

"Estamos cheos de dor polo que está a pasar en Palestina, onde o pobo palestino vive un dos momentos máis tráxicos da súa vida, da súa historia", lamentou, antes de participar na charla. Neste sentido, relatou que "todos os días" hai imaxes "devastadoras" e a "realidade das atrocidades que comete o criminal exército de Israel contra a poboación supera calquera ficción".

O recoñecemento de Palestina "non é suficiente"

Pola súa parte, Miguel Paz, de STEG, salientou que esta visita é un "elemento fundamental" para que os mozos coñezan o que sucede en Palestina. "Non é unha guerra, é un xenocidio do sionismo contra o pobo palestino", denunciou. Paz incidiu en que o recoñecemento do Goberno español "non é suficiente" e remarcou que "é necesario" que fagan un "embargo de armas" e "comercial" a Israel, así como a "ruptura de relacións con estados sionistas".

Durante esta xornada o primeiro secretario foi recibido pola alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e pola tarde haberá un encontro aberto na Casa do Taberneiro, a partir das 19.30 horas.

Reivindicacións do estudantado

Na facultade, dúas das estudantes acampadas explicaron que as súas reivindicacións son o recoñecemento do "xenocidio que sucede en Palestina" e a súa condena pública. Piden un "alto o fogo inmediato e permanente en Gaza".

Ademais, solicitan á USC e outras universidades que "finalicen as relacións" cos centros educativos israelís, así como "a ruptura de relacións diplomáticas con Israel", e lembran que esta quinta feira o estudantado realizará unha nova manifestación ás 20 horas na Alameda.