Segundo Avril, segundo atraso: o AVE de hoxe circula con media hora de atraso por unha incidencia técnica

O primeiro AVE Avril con saída de Vigo, o desta terza feira, chegou a Madrid con dúas horas de atraso. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
O primeiro tren Avril na Galiza, o desta terza feira, estivo máis de dúas horas parado por unha incidencia no convoi, que se detivo a escasos metros da estación de Ourense.

O segundo AVE Avril que circula pola Galiza partiu na mañá desta cuarta feira con case media hora de atraso debido a unha incidencia técnica "puntual". Segundo informan fontes de Renfe citadas pola axencia Europa Press, un problema cunha porta atrasou a saída do tren desde Vigo uns 25 minutos, pero xa foi solucionada.

Esta situación dáse precisamente un día despois da estrea deste convoi na terza feira, cando o primeiro Avril que saíu da Galiza tampouco puido cumprir o horario prometido, pois quedou parado máis de dúas horas e media a escasos metros da estación de Ourense por unha incidencia no tren. Renfe subliñou que se mantén o seu compromiso de puntualidade, polo cal se estabelecen distintas compensacións ás persoas usuarias.

En concreto, ao tratarse dun AVE, se o atraso na hora de chegada a destino é superior a 15 minutos, devólveselles ás e os pasaxeiros o 50% do importe do seu billete. No caso de que supere os 30 minutos, recibirán o 100% do prezo que pagaron polo seu traxecto.

Estrea accidentada

O tren inaugural desta terza feira estivo sen luz no interior durante as dúas horas que durou a incidencia, con centenares de pasaxeiras queixándose pola situación e pola falta de información. Moitas persoas protestaban debido a que tiñan outros trens cos que conectar e que era probábel que os perdesen. Tamén lamentaban que a estrea dos Avril concluíse así. "Para isto están as probas. Somos coellos de indias", criticaban unha persoa.

A pesar de todo, o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco, puxo en valor o "fito histórico" que supón a estrea dos Avril para a comunicación da Galiza e do Estado español en xeral. Esta, afirmou, é unha "prioridade absoluta" do Executivo que permite o avance da Galiza e crear "novas oportunidades". Ademais, quixo destacar que estes trens permitirán aumentar as frecuencias e as prazas, así como reducir os tempos. "Galiza avanza con feitos", engadiu, nun audio difundido aos medios de comunicación antes de coñecerse o paro dos trens.