Crónica en primeira persoa de #6AnosSermos

Seis anos son un mundo

Redacción Sermos. Computador e semanario.

Seis anos nun proxecto xornalístico, e ademais en galego, son un mundo.

Seis anos son un mundo. Na vida, nesa vida contada que é o xornalismo, e aínda máis no xornalismo dixital, tan sometido á premura da actualidade. Nuns tempos que se suceden a ritmo de vertixe mirar seis anos atrás é máis que un exercicio de memoria, case un exercicio de memoria histórica.

 

26 de abril de 2012 publicaba o dixital Sermos Galiza a súa primeira noticia. Estaba alí (daquela a redacción estaba perto do Toural, no corazón da zona vella compostelá) mais non consigo lembrar cal foi esa noticia. Lembro o día e os días previos, con aquela tripulación inicial - Rodri, Beti, Escuredo e Carme- que sei tan de memoria como a da Real Sociedade que gañou a súa primeira Liga. Aqueles días previos entre conversas, ideas, proxectos, nervios e curiosidade polo que viña. Facer xornalismo e en galego é máis doado dicilo que facelo. Incluso é mais doado soñalo que facelo. Non digamos xa criticalo.

 

Desde entón pasaron seis anos. Como un foguete. Miles de noticias, centos de reportaxes, crónicas, ducias e ducias de entrevistas, un sinfín de opinións, para ir conformando un espazo xornalístico propio, Sermos Galiza. Un espazo imperfecto, claro, o país tamén o é, Deo gratias. Non se trataba, non se trata, de ser orixinal, senón de intentar facer xornalismo e de ter outros lentes para contar e interpretar a realidade, uns lentes que non son os dos, chamémolos así, medios sistémicos. E de facelo en galego, o que implica moito máis que escribir nun determinado idioma. O outro día visitáronnos uns estudantes dun instituto de Boiro [para ser sinceros: maiormente de Abanqueiro, un grau superior] e sorprendíanse de que tanto o dixital como o semanario estivesen enteiramente en galego. “En galego? Todo?” Non había na pregunta nin tono nin intención valorativa: nin eloxiosa nin pexorativa, simplemente unha gran sorpresa. “Xa que non podemos cambiar de país, cambiemos de tema”, que dicía Mr. Bloom. Pero para cambiar de tema fai falla tamén medios que falen doutros temas, temas dos que moitas veces non se falan na primeira gran liña mediática e non por falta de medios, precisamente. Contar desde aquí e para aquí, sendo conscientes que aquí (Galiza) é toda unha “célula da universalidade”. Irmandades da Fala dixit; unha “metáfora do mundo” (Os Resentidos cantat).

 

Lembro o día e os días previos, con aquela tripulación inicial - Rodri, Beti, Escuredo e Carme- que sei tan de memoria como a da Real Sociedade que gañou a súa primeira Liga

 

 

Seis anos son un mundo. Seis anos nos que se escribiron de moitas cousas: desde as consecuencias económicas e humanas da crise até sacar á luz os cartos que o Sergas destinaba a pagar curas. Desde dar a coñecer a denuncia por acoso sexual no traballo sobre unha unha actriz galega até contar a pé de rúa o drama de despexos como o de Aurelia; de debullar que hai detrás de proxectos megamineiros que desembarcan no país até dar a coñecer inéditos de Rosalía de Castro. Contar o día a día da cultura do país e tamén o que non é o día a día; apostar en meter o xénero na columna vertebral de cómo se debe ver e contar a realidade, achegarnos a deportes de base e tradicionais,  mergullarnos na lusofonía, tomar o pulso á actualidade política, pescudar na memoria histórica… Todo nun espazo informativo con dous remos, o dixital e o semanario, un máis centrado no día a día e outro máis centrado na análise polo miúdo,  en poñer as luces longas.

 

Estamos xa en 2018. O que fica atrás non é nada comparado co que queda por diante. Co reto dun diario a partir de 2019 de se chegar a 3.000 persoas subscritoras. Un reto enorme. Que non imposíbel. Vós diredes.