Setembro dá a benvida ao primeiro día do outono meteorolóxico

Outono nos socalcos do canón do Miño. (Foto: Colectivo Xea)

O 10 de setembro é, historicamente, o día máis axitado da tempada de furacáns no Atlántico.

Remata agosto e para moitas persoas rematan as vacacións de verán. O regreso aos postos de traballo está á volta da esquina mais aínda queda o pensamento de que restan uns 20 días até que remate o verán e comece oficialmente o outono.

Con todo, para as meteorólogas e as climatólogas a fin do verán e o comezo do outono chega antes de tempo.

En meteoroloxía, o fin de agosto marca a fin do verán. As meteorólogas e as climatólogas dividen as estacións en grupos de tres meses con base no ciclo anual de temperatura.

Así, en meteroloxía e climatoloxía, o outono inclúe setembro, outubro e novembro. Os meses de decembro, xaneiro e febreiro corresponderían ao inverno; mentres que marzo, abril e maio, á primavera; e xuño, xullo e agosto, ao verán.

Mais, por que? Como as estacións meteorolóxicas están baseadas en meses e non en movementos astronómicos tradicionais —coincidindo os cambios de estación cos solsticios e os equinocios—, a súa duración é máis consistente, cunha media de 91 días por estación, seguindo o calendario civil. Así, as meterológas, e especialmente as climatóloga,s poden calcular mellor as estatísticas estacionais a partir das mensuais.

O 1 de setembro marca o primeiro día do outono meteorolóxico e o comezo da axitada tempada de furacáns no Pacífico central e no Atlántico. Tradicionalmente, e tendo en conta os datos dos últimos 100 anos, o 10 de setembro marca o día máis axitado da tempada de furacáns no Atlántico, coa maioría de furacáns e tormentas tropicais presentes nese día.

A actividade de furacáns permanece alta en outubro, antes de diminuír en novembro, e o día 30 deste último mes remata a tempada de furacáns, dando paso ao día seguinte, 1 de decembro, ao inverno meteorolóxico.