O sindicato de maquinistas critica a "equiparación de responsabilidades" da sentenza e avanza recurso

O maquinista, Francisco Garzón á saída da última sesión do xuízo do Alvia (Foto: César Arxina / Europa Press).
Semaf manifestou que a decisión xudicial supón "un avance" porque "por primeira vez unha sentenza non só se centra no traballador", senón que "contempla responsabilidade no titular da empresa pública que tiña ao seu cargo a seguridade operativa".

O Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) criticou que a sentenza coñecida esta sexta feira, e que condena a dous anos e medio de prisión tanto ao maquinista do Alvia accidentado en Angrois en 2013, Francisco Garzón, como ao ex xefe de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, equipare as responsabilidades entre ambos os condenados xa que, na súa opinión, "o ente público abriu a liña sen as debidas medidas de seguridade, previstas no proxecto".

Así, tras mostrar a súa "maior solidariedade e respecto cara ás vítimas", o sindicato avanzou que recorrerá a sentenza e "continuará pelexando para que se faga xustiza". Ademais, nun comunicado, manifestou que a decisión xudicial supón "un avance" porque "por primeira vez unha sentenza non só se centra no traballador", senón que "contempla responsabilidade no titular da empresa pública que tiña ao seu cargo a seguridade operativa".

Para a organización, o accidente de Angrois "era cuestión de tempo", tendo en consideración "as carencias de seguridade da liña, como moitos maquinistas e expertos afirmaron antes e despois de ocorrer".

"Neglixencias"

Así mesmo, neste mesmo comunicado detallou que no tramo no que se produciu o accidente "deixouse ao mero factor humano unha redución da velocidade de 200 a 80 km/h". "De estar activo o sistema de protección co que se deseñou a infraestrutura (ERTMS) o tren deteríase como mecanismo de seguridade se por calquera circunstancia o maquinista non é capaz de iniciar o freado", explicou.

Tamén expuxo que os responsábeis de seguridade "tampouco realizaron unha análise de riscos, normativamente requirida", polo que "non estabeleceron as medidas necesarias para mitigalo como colocar a baliza e o sinal de velocidade".

Igualmente, o sindicato sinalou que "non tomaron en consideración as advertencias dos maquinistas que realizaron as probas da liña, sobre o perigo de deixar ao factor humano, en todas e cada unha das circulacións, a responsabilidade dunha redución de velocidade tan drástica". Por todo iso, Semaf cualificou de "abusiva" a responsabilidade que se lle exixe ao maquinista na sentenza, "equiparando a súa condena co responsábel da seguridade operativa".

"Carencias" na investigación e na instrución

Neste liña, Semaf reprochou as "carencias" no proceso de instrución" xa que "estima que existe unha cadea de responsábeis á hora de pór en funcionamento esta infraestrutura ferroviaria". "Hai moitas incógnitas que non se recolleron no proceso nin na investigación do accidente. Por que unha liña concibida cunha serie de sistema de protección ponse en servizo sen eles? Cal foi a cadea de decisión? Que tipo de presións levaron á apertura da liña sen estar en condicións óptimas de seguridade?", sostivo. Tamén considerou que a investigación "non foi independente", posto que o organismo encargado da súa investigación "dependía xerarquicamente dos responsábeis do Ministerio e á súa vez de Adif e Renfe".