O SLG alerta de que os cambios na IXP Ternera Gallega levan á industrialización das granxas

Degustación de tenreira galega, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O novo modelo da Indicación Xeográfica Protexida "non é viábel para explotacións pequenas e medianas".

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Galegas (SLG-CCLL) levou esta terza feira adiante unha xornada divulgativa e de denuncia dos cambios operados no prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Teneira Galega/Vaca galega-Boi galego (oficialmente, desde o pasado mes, Ternera Gallega e Vaca y buey gallegos) que "obriga a acortellar os xatos que se sacrifiquen desde os oito meses de idade", deixando fóra da marca, asegura o sindicato, "todos os xatos que rematan a súa alimentación ao aire libre". 

Dando continuidade á campaña "Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo", as persoas que se achegaron na mañá desta terza feira á praza de Abastos de Compostela coñeceron a través das intervencións do gandeiro Samuel Formoso, vogal do SLG na IXP, do gandeiro Xosé Carracedo, que fixo a conversión a pasto da súa granxa, e da secretaria xeral do sindicato, Isabel Vilalba, como foi o proceso de modificación deste prego de condicións e  por que este cambio supón unha "industrialización" da IXP. Para o SLG-CCLL, os argumentos da propia IXP teñen o obxectivo de "dar resposta á tendencia á homoxeneización da industria cárnica".

Contra o modelo familiar

Segundo sinalan desde o sindicato, a obriga de fechar o gando e darlle alimentación procesada "terá impacto negativo especialmente destacado na viabilidade económica das pequenas e medianas granxas, que deberán gastar máis en alimentación e en moitos casos construír novas infraestruturas". 

Por este motivo, consideran "moi grave" que unha ferramenta creada para "distinguir a produción de calidade discrimine as pequenas e medianas granxas que optan pola gandaría en extensivo, valiosísimas coidadoras do territorio que [...] son imprescindíbeis para o mantemento dun medio un rural vivo".