A solidariedade galega con Palestina non cesa: 26 localidades acollen esta segunda feira mobilizacións contra o xenocidio

As activistas Ángela Gippini e Óscar Valadares lendo o manifesto da Coordinadora Galega de Apoio a Palestina. (Foto: A. M.)

O maior sindicato de Israel convoca unha folga xeral para exixir ao Goberno de Netanyahu un alto o fogo en Gaza.

Unha semana máis centos de persoas sairán esta segunda feira ás rúas de cidades e vilas da Galiza para mostrar a súa solidariedade para co pobo palestino e denunciar “o xenocidio” de Israel sobre Gaza, onde asasinaron máis de 40.700 persoas.

A convocatoria xa fora avanzada o pasado 21 de agosto nunha acción reivindicativa decorrida en Vigo e organizada pola Coordinadora Galega de Apoio a Palestina —entidade conformada polos colectivos Asociación Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes—, coa que protestaron contra o xenocidio israelí en Gaza.

Desta volta, “Do río ao mar, Palestina venderá!” é a palabra de orde das mobilizacións convocadas máis unha vez por Mar de Lumes, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-Árabe Jenin. Uns colectivos que levan desde que se intensificou o conflito o 7 de outubro de 2023 mobilizando a sociedade galega con manifestacións, protestas, accións reivindicativas, palestras...

Horas e lugares:

Folga xeral en Israel

Mais desta volta, a convocatoria de protestas na Galiza coincide cunha folga xeral en Isarel. Convocada pola Histadrut, o sindicato máis importante do Estado israelí, comezará ás 6 horas desta sexta feira para forzar o Goberno de Benjamin Netanyauhu a alcanzar un alto o fogo con Hamás e facilitar así a liberación dos reféns.

“O acordo é agora mesmo o máis importante que hai”, declarou o presidente do sindicato, Arnon Bar-David, máximo responsábel da Federación Xeral de Traballadores de Israel, antes de denunciar que o acordo de alto o fogo con Hamás, a raíz das conversas que mantivo con moitos responsábeis das forzas de seguridade, semella estar bloqueado “por consideracións políticas”.

Este comentario fai referencia ás acusacións vertidas durante os últimos meses polos críticos de Netanyahu, a quen acusan de obstaculizar constantemente as negociacións para un alto o fogo en Gaza para “satisfacer os seus ultranacionalistas socios de Goberno, quen exixen a destrución de Hamás á costa das vidas dos reféns”, denuncia a oposición.

O aeroporto internacional de Ben Gurion tamén paralizará as súas operacións a partir das 8 horas como xesto de solidariedade coa folga.

Os chamamentos á folga xeral comezaron ás poucas horas do achado, este sábado, dos corpos sen vida de seis reféns durante unha operación israelí no sur de Gaza. Segundo o Exército de Israel, foran executados por Hamás, mentres que o movemento palestino asegurou que morreron nun dos bombardeos israelís sobre a zona.