Israel ataca un convoi humanitario na Faixa de Gaza e prolonga a agresión a Cisxordania

O domingo comeza a vacinación contra a polio.
Despedida dunha vítima de Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Despedida dunha vítima de Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

Catro palestinos morreron no bombardeo israelí a quinta feira dun convoi humanitario que transportaba subministracións médicas e combustíbel ao hospital da Media Lúa Vermella dos Emiratos Árabes Unidos na Faixa de Gaza, comunicou a sexta o grupo humanitario estadounidense Anera.

A directora da entidade para Palestina, Sandra Rasheed, sinalou que o convoi foi “aprobado polas autoridades israelís”, como acontecera cos vehículos do Programa Mundial de Alimentos da Organización das Nacións Unidas (ONU) atacados esta semana por tropas sionistas na Faixa.

Como é usual nos bombardeos periódicos que efectúa contra hospitais, escolas ou convois humanitarios, o réxime de apartheid alegou que a caravana levaba numerosas armas e que homes armados se fixeran co control do convoi, o que Anera negou.

Vacinación

Ademais, prevese que o domingo comece a primeira fase da vacinación masiva da Organización Mundial da Saúde en Gaza contra a polio, após advertir dunha potencial epidemia derivada da destrución masiva da infraestrutura gazatí por parte dos sionistas.

A campaña desenvolverase logo dun acordo entre o Goberno de ultradereita israelí e Hamás para desenvolver pausas humanitarias limitadas a nove horas diarias durante tres días para cada unha das tres zonas nas que foi dividida Gaza para afrontar o esforzo de vacinación.

Asemade, no norte de Cisxordania os militares israelís prolongaron por terceira xornada a súa incursión masiva, na que asasinaron unha vintena de persoas. Desde outubro máis de 650 persoas en Cisxordania e máis de 40.500 en Gaza, onde bombardeou a sexta o campamento de refuxiadas de Maghazi, foron asasinadas por Israel.

Comentarios