A presidenta de Honduras denuncia un plan para un golpe de Estado en alusión aos Estados Unidos

A embaixadora dos EUA atacou un membro do Executivo de Caracas.
A presidenta de Honduras, Xiomara Castro. (Foto: Zheng Huansong / Europa Press / Contacto)
photo_camera A presidenta de Honduras, Xiomara Castro. (Foto: Zheng Huansong / Europa Press / Contacto)

“Quero prometer ao pobo hondureño que non máis golpes de Estado e que non vou permitir que se utilice o instrumento de extradición para intimidar ou chantaxear as Forzas Armadas”, remarcou a presidenta do país centroamericano, a progresista Xiomara Castro, que revelou que “se está a fraguar un plan en contra do meu Goberno e iso é importante que o pobo o saiba”, en alusión aos Estados Unidos, recolleron a sexta feira medios internacionais.

Despois de que a embaixadora estadounidense en Tegucigalpa, Laura Dogu, reaccionara a unha reunión entre a Defensa hondureña e a venezolana, na que estivo o ministro do ámbito de Caracas, Vladimir Padrino, sostendo que foi “sorprendente e un pouco decepcionante” ver autoridades hondureñas “con membros dun cártel baseado en Venezuela”, a cuarta feira o Goberno de Castro notificou a embaixada dos Estados Unidos que decidiu dar “por rematado” o tratado de extradición bilateral.

Washington acusou de narcotráfico Padrino e é unha das persoas ás que lle aplica as sancións coercitivas orientadas a tratar de acabar co Executivo de Nicolás Maduro en Venezuela.

Castro detallou que a orde foi motivada pola “inxerencia e intervencionismo dos Estados Unidos” e a súa “intención de dirixir a política de Honduras a través da súa embaixada e outros representantes”, algo “intolerábel” e que viola “impunemente os principios e prácticas do dereito internacional”. Ao tempo, Eduardo Enrique Reina, titular de Exteriores, precisou que ese tratado podería ser usado como “arma política” contra militares de alto rango ou membros do Goberno por cuestións “puramente políticas”.

Mentres os Estados Unidos demandaron “reconsiderar” a decisión, a presidenta incidiu en que foi atacado o xefe das Forzas Armadas, Roosevelt Hernández, e o ministro de Defensa, José Manuel Zelaya, a raíz das declaracións estadounidenses, e Reina informou de que provocou que un grupo de oficiais estiveran a “conspirar” para sacar Hernández do posto.

Sublevación de 2009

Ao alertar dun posíbel golpe de Estado, a mandataria lembrou o que ocorreu en 2009, no que a dereita e a ultradereita se uniron ao Exército para derrocar o tamén progresista Manuel Zelaya, parella de Castro, que culpou do complot os Estados Unidos, cuxo Exército adestrou boa parte dos militares locais. A presidenta incidiu en que a sublevación desencadeou “violencia, desterro, persecución, violacións dos dereitos humanos”.

Comentarios