A solidariedade con Palestina regresa ás rúas galegas

Protesta en solidariedade con Palestina este 2 de setembro en Vigo. (Foto: Nós Diario).
Máis de 25 localidades acolleron mobilizacións contra o xenocidio.

Centos de persoas participaron esta segunda feira, 2 de setembro, en mobilizacións en cidades e vilas da Galiza para mostrar a súa solidariedade co pobo palestino e denunciar o "xenocidio" que, sinalan, está a cometer o Estado de Israel na Faixa de Gaza, onde xa asasinou máis de 40.700 persoas.

A convocatoria fora avanzada o pasado 21 de agosto nunha acción reivindicativa decorrida en Vigo e organizada pola Coordinadora Galega de Apoio a Palestina –entidade conformada polos colectivos Asociación Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes–, coa que tamén protestaron contra o xenocidio israelí en Gaza.

"Do o río ao mar"

Desta volta, 'Do río ao mar, Palestina vencerá!' foi a palabra de orde das mobilizacións convocadas polas entidades anteriormente mencionadas, uns colectivos que levan desde que se intensificou o conflito –o pasado 7 de outubro de 2023– tratando de mobilizar a sociedade galega con manifestacións, protestas, actos reivindicativos e palestras varias.

Así, nesta ocasión as concentracións desenvolvéronse na Coruña, Allariz, Betanzos, Cangas, Carballo, Corcubión, Ferrol, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Porriño, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, Ribeira, Silleda, Val Miñor, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Viveiro, ademais de na capital da Galiza, Santiago de Compostela. 

Estas mobilizacións dan continuidade ás accións de apoio á causa palestina que se levaron a cabo esta pasada fin de semana no marco do Festival de Poesía do Condado, onde se presentou a segunda edición do proxecto colectivo Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina (Tempo Galiza, 2024) e se levou a cabo unha cadea humana na ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao (Portugal).