Estas son as condicións dos créditos deseñados polo Goberno español para pagar o aluguer

Vivendas ás beiras da muralla de Lugo (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez)
O Boletín Oficial do Estado publica hoxe as condicións para que as arrendatarias en situación de vulnerabilidade soliciten créditos para abonar até seis mensualidade do aluguer. Os créditos devolveranse nos seis anos seguintes á solicitude sen intereses nin gastos doutro tipo.

Hai un mes, o Goberno español anunciou unha liña de axudassol a arrendatarias en situación de vulnerabilidade. Hoxe, 1 de maio, o Boletín Oficial do Estado recolle unha Orde Ministerial na que se especifican os criterios dos créditos sen intereses para cubrir o pagamento do aluguer. Así recolle a Fundación Civio as medidas:

Os préstamos poden cubrir o pagamento de até seis meses, comezando a contar desde a mensualidade de abril e sen prexuízo de cando sexan concedidos. O tope dos préstamos por mes é de 900 euros, un total de 5.400 se se solicitan para o período de medio ano.

Para financiar esta medida, o Goberno español destina un total de 1,2 millóns de euros. Ademais, o máximo que abonará ás entidades de crédito en materia de gastos ou intereses dos préstamos fíxase en 112 millóns.  Isto é, cando ambas cifras cheguen a 0 euros deixaranse de conceder os créditos.

Neste artigo Nós Diario recolleu outras das medidas anunciadas polo Goberno español en materia de vivenda durante a emerxencia sanitaria da COVID-19. Polo momento, as específicas para os Gobernos territoriais aínda non foron anunciadas.

Quen pode solicitar estes créditos e como?

As demandantes deberán cumprir todas as condicións mencionadasa a continuación:

Non deben ter unha vivenda en propiedade, agás cando esta é parte dunha herdanza ou non se pode empregar por divorcio ou falta de adaptabilidade para persoas con discapacidade.

A maiores, as integrantes da unidade familiar da solicitante teñen que ingresar menos de 2.689 euros ao mes ou cinco veces o IPREM (o índice empregado para calcular as contías das prestacións sociais).

Paralelamente, débese demostrar unha redución dos ingresos a consecuencia da crise sanitaria, ben sexa porque a demandante está no paro, nun Expediente de Regulación Temporal de Emprego ou solicitara a súa redución de xornada por coidados, entre outras opción.

Outro requisito é que a suma da mensualidade do alugueiro e doutros servizos básicos como a factura da luz, da auga, os pagos á comunidade ou o contrato telefónico supón, polo menos, 35% dos ingresos totais da unidade familiar.

Os préstamos solicitaranse ás entidades bancarias que participen da iniciativa do Goberno español e devolveranse nos 6 anos seguintes á petición, sen intereses nin gastos de ningunha clase. Serán as propias entidades as encargadas de abonar as mensualidades directamente ás caseiras.

Na solicitude débese aportar a documentación necesaria para acreditar a situación de vulnerabilidade ou unha declaración responsábel na que consten as condicións. Isto é: o libro de familia, o certificado de empadroamento, o certificado de desemprego ou ERTE de ser o caso e mais o certificado catastral ou a declaración de bens da unidade familiar.

A petición irá acompañada dun impreso que inclúe a orde ministerial publicada hoxe e unha declaración responsábel que acredite a situación de vulnerabilidade así como a falta dos documentos que non se poidan aportar. Se o contrato está a nome de varias arrendatarias, todas deberán solicitar o préstamo conxuntamente.

Esta liña de créditos é compatíbel coas axudas ao aluguer que o Goberno español consensuará cos Gobernos territoriais. Porén, a Administración central aínda non achegou nin a financiación nin se concretaron as condicións das mesmas.