Estas son as recomendación da Xunta fronte a calor

Unha crianza xoga con auga en Ourense durante unha vaga de calor (foto: Rosa Veiga / Europa Press).

Alimentación e vestimenta centran os consellos do Executivo galego para unhas temperaturas que se prevé superen os 39 graos.

A Xunta da Galiza reiterou os principais consellos que se deben seguir ante a suba de temperaturas prevista para esta semana en toda a Galiza, recomendacións que se centran, fundamentalmente, na alimentación e na exposición ao sol.

O Comité Permanente de Coordinación para as actuacións da Xunta fronte os efectos sobre a saúde das altas temperaturas, composto polas Consellarías de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Medio Ambiente e Cambio Climático; e de Sanidade, recomendan beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Débese evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e bebidas moi azucradas. Así mesmo, débese priorizar comer verduras e froitas e evitar comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que traspire.

No interior dos edificios permanecerase, se é posíbel, en espazos ventilados ou acondicionados, utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, aconséllase baixar as persianas e fechar as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderanse utilizar ventiladores.

Nos momentos de calor máis intensa, pódese refrescar o corpo cunha ducha ou cun baño de auga tépeda. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios débense evitar, na medida do posíbel, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, buscar sombras e, cando se estacione o vehículo, non deixar no interior nin menores nin persoas maiores, así como tampouco animais.

A Xunta pide evitar ir á praia nas horas de máxima calor. Ademais, a Consellaría de Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol e utilizar a maior protección posíbel, nunca inferior a factor 15.

Ademais, a Xunta lembra que, no caso de ter parentes ou veciños que viven sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que toman as medidas recomendadas e que o seu estado de saúde é o correcto.

E é que, conforme lembra, as temperaturas excesivas poden provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.

Avisos por calor

Aínda que non se chegue ao nivel de alerta porque está previsto que as temperaturas baixen polas noites, desde Meteogaliza facilitan a toda a poboación a información sobre os avisos meteorolóxicos.

Desta forma, esta segunda feira, de 15 a 21 horas, na zona dos concellos de A Arnoia (O Ribeiro), Barbadás (Ourense), Beade (O Ribeiro), Carballeda de Avia (O Ribeiro), Cartelle (Terra de Celanova), Castrelo de Miño (O Ribeiro), Cenlle (O Ribeiro), Cortegada (O Ribeiro), Leiro (O Ribeiro), Melón (O Ribeiro), Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), Ourense, Padrenda (Terra de Celanova), O Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), Pontedeva (Terra de Celanova), Punxín (O Carballiño), Ribadavia (O Ribeiro), San Amaro (O Carballiño), San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense), Taboadela (comarca de Ourense) e Toén (comarca de Ourense) hai aviso amarelo por temperaturas de 36 graos ou máis.

Para a terza feira 23 de xullo, de 15 a 21 horas, haberá aviso amarelo por temperaturas que poden superar os 34 graos no litoral e nas zonas das comarcas de A Paradanta, O Condado e O Baixo Miño que lindan co río Miño. Tamén, aviso amarelo por temperaturas que poden superar os 36 graos nas comarcas de Chantada, Terra de Lemos, Quiroga, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana, e aviso laranxa nas zonas do Carballiño, O Ribeiro, comarca de Ourense e Terra de Celanova que linda co Miño por máximas de máis de 39 graos.