A xustiza confirma “nepotismo” na creación e adxudicación dunha praza por Educación para a cuñada dun alto cargo do PP

Susana lópez Abella (Europa Press)

Tribunal Supremo non admite a trámite o recurso de casación presentado pola Xunta contra a sentenza do TSXG que constataba “desviación de poder e nepotismo” na creación e adxudicación dunha praza por Educación á cuñada de López Abella, alto cargo do PP e ex secretaria xeral de Igualdade da Xunta. CIG-Ensino, que pide a dimisión da conselleira de Educación.

Tribunal Supremo non admitiu a trámite o recurso de casación presentado pola Xunta contra unha sentenza do TSXG que constataba “desviación de poder e nepotismo” na creación e adxudicación dunha praza por Educación á cuñada de López Abella, alto cargo do PP e ex secretaria xeral de Igualdade da Xunta. 

 CIG-Ensino solicitou esta cuarta feira, após dar a coñecer a decisión do Supremo, a demisión da conselleira de Educación. Afirma que estamos perante un caso  “absolutamente impresentábel de nepotismo na administración autonómica: a creación dunha praza inexistente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para “colocar” a unha funcionaria docente con destino en Asturias e cuñada de Susana López Abella, naquel momento Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta e agora cesada para concorrer polo PP nas eleccións do 5 de abril pola provincia de Lugo”. Hoxe, a persoa beneficiaria desa praza é directora do Mupega (Museo Pedagóxico de Galiza)  por libre designación, indica o sindicato.

"Anular o enchufe"

Desde abril de 2016, lembra CIG-Ensino ,promoveu todos os recursos e accións necesarias para “anular un enchufe que a Consellaría mantivo para favorecer a unha docente que doutro xeito non podería obter destino en Galiza ao non existir prazas da súa especialidade en ningún centro educativo”. O favoritismo con esta funcionaria docente, acrecenta o sindicato, viña de atrás, “cando no 2014 pretenderon colocala irregularmente nunha listaxe de persoal interino”. 

O sindicato aponta que a conselleira de Educación “fixo bandeira do caso e defendeu a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo, aproveitando unha intervención no Parlamento Galego para atacar á CIG-Ensino, como denunciante do enchufe”.

Carme Pomar, sinala a central sindical, asumiu en primeira persoa a responsabilidade dos feitos e ordenou a presentación do recurso de casación, dilatando a execución da sentenza ano e medio. Por tanto, CIG-Ensino solicítalle á conselleira que presente a dimisión “como responsábel educativa do Goberno galego, asumindo así tamén as consecuencias dos seus propios actos e esixe que se depuren responsabilidades para que un feito destas características non se repita máis”. 

O sindicato insta á administración educativa a executar a sentenza en canto tome coñecemento formal dela.