O Talento Mozo 2021 recoñece o traballo de Natalia Barreiro contra a Covid-19

Natalia Barreiro é investigadora do CiQUS (Foto: USC).
A mocidade ten talento e en moitos eidos. Esta semana recoñecéronse algunhas das achegas que realizaron mozas e mozos deste país en sectores como a ciencia, o deporte ou a industria. Entre os máis salientábeis figura o descubrimento da posibilidade de producir vacinas contra a Covid-19 de maneira máis rápida e económica.

De rematar a carreira de Bioloxía en 2012 a desenvolver unha vacina contra o SARS- CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular. A investigadora Natalia Barreiro acaba de ser galardoada co Premio Talento Mozo Galiza 2021 na modalidade Ciencia. Promovido pola Dirección  Xeral de  Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta da Galiza.

O seu traballo estivo centrado no desenvolvemento dunha vacina contra o  SARS- CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular (IC- Tagging) desenvolvido integramente no grupo que dirixe o  profesor José Manuel Martínez Costas.

Barreiro asegura que con este sistema "somos capaces de producir microesferas  proteicas en diferentes sistemas de expresión e produción de proteínas (bacterias ou células de insecto) nas que podemos cargar proteínas de interese do  SARS- CoV-2, o que nos permite obter un candidato de vacina de tipo subunitario".

Este sistema podería, daquela, permitir a produción de vacinas de maneira máis rápida e económica. Para ela o premio é “unha forma de recoñecer o esforzo que se fixo e séguese facendo no desenvolvemento da vacina no laboratorio, ademais de que sempre fai ilusión que che concedan un premio polo teu traballo".

Rural, Deporte, Industria, ...

O Premio Talento Mozo busca recoñecer as mellores iniciativas da mocidade na Galiza, outorgando visibilidade ao seu talento para que sirva de referente ao conxunto da sociedade. Outras catro persoas foron premiadas xunto a Natalia Barreiro en distintas modalidades: rural, deporte, empresa, cultura e creación. Ademais da distinción honorífica, todos eles recibirán unha dotación de 5.000 euros.

No apartado do Rural a galardoada foi Lucía Seoane López, a artífice do proxecto empresarial Artesanía do Caurel, unha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostíbel, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira.

En Deporte, recoñeceuse a paralímpica Susana Rodríguez Gacio que, cunha discapacidade visual moi severa debido á condición xenética de albinismo, foi capaz de chegar oa número 1 do ránking mundial de Paratriatlón na categoría PTVI para deportistas con discapacidade visual.

En relación á Industria, esta edición lembrou o proxecto IUVIA, creado por Sofía Prosper Díaz-Mor e encadrada na industria 4.0, que consiste nunha descentralización dos servizos da nube, centrada na privacidade dixital dos usuarios e usuarias e na súa soberanía tecnolóxica.

Por último, o coruñés Alberto Miguélez Rouco obtivo o Premio extraordinario de fin de grao en piano cunha nota media global de 9,16, e máis tarde rematou o seu segundo grao profesional no Conservatorio Profesional de Música da Coruña na especialidade de clave.