O tecido asociativo LGBT+ galego demanda transversabilidade na programación cultural

Carme Adán, Daniela Ferrández e Enrique Latorre (Foto: Arxina)
69% de actos e actividades sobre diversidade sexual concéntranse no mes de xuño .

No informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, publicado no ano 2023 como resultado do Foro Identidades e Diversidades Sexuais 2022/2023, até 62% dos colectivos e entidades LGBT+ da Galiza denunciaban que a diversidade sexual non está representada na axenda cultural galega que se materializa nas programacións culturais.

Ademais, 75% consideraban que as administracións públicas non tiñan interese en promover esta diversidade sexual no ámbito cultural e que, de haber unha programación vinculada a estas temáticas, 69% consideraba que estaba concentrada en xuño, coñecido como mes do Orgullo. Para reflexionar sobre estas cuestións, o Consello da Cultura Galega acolleu esta quinta feira a xornada "Pensar con Orgullo V. Culturas e perspectivas queer" que combinou relatorios, presentacións de datos e conversas entre axentes. 

Así, a partir dos datos do mencionado informe, a profesora de Filosofía Carme Adán e a doutora en Historia Daniela Ferrández debullaron unha "Radiografía da participación cultural do colectivo LGBT+ na Galiza".

Segundo afirma Ferrández a Nós Diario "avanzar na investigación académica e no eido da memoria histórica fortalece o ámbito xeral da cultura", e tamén no que respecta á diversidade sexual. O traballo académico que se realiza desde as universidades promove unha "sociedade máis xusta e democrática".

"Intentamos responder a pregunta de se a programación e a produción da cultura galega teñen incorporada a perspectiva da diversidade sexual. E a resposta é non", explica Carme Adán. Aínda que a realidade é que existen moitas creadoras e creadores culturais LGBT, segundo explican Adán e Ferrández, apenas son contratadas o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBT+. "Deberían estar contratadas ao longo do ano e dentro de todas as programacións culturais, e non como un caixón illado", denuncia Adán.

Para solucionar esta eiva, o informe reivindica a "necesidade de que as institucións públicas transversalicen a perspectiva da diversidade sexual a todas as áreas dos Gobernos" municipais, provinciais e nacional, explica Ferrández.

Ademais, na xornada do Consello da Cultura Galega as intervencións de Gena Baamonde, Meiga-i e Ignacio Vilar atenderon á reflexión por parte de creadoras e xestoras culturais, mentres que Encarna Lago, Paula Cabaleiro e Vítor Nieves analizaron as propostas culturais na programación.