Día Internacional contra a LGTBfobia: 62 países aínda perseguen estas relacións, 11 con pena de morte

57.000 agresións en cinco anos no Estado español.

Desfile do Orgullo LGTB en Italia. (Foto: Cecilia Fabiano / Lapresse Via Zum / DPA vía Europa Press)
photo_camera Desfile do Orgullo LGTB en Italia. (Foto: Cecilia Fabiano / Lapresse Via Zum / DPA vía Europa Press)

A sexta feira conmemorouse en todo o planeta o Día Internacional contra a LGTBfobia, que se celebrou por primeira vez en 2005 coincidindo coa data na que en 1990 a Organización Mundial da Saúde (OMS), na súa Asemblea Xeral, eliminou a homosexualidade da súa listaxe de doenzas.

A pesar diso, 62 Estados membros da Organización das Nacións Unidas (ONU) aínda criminalizan os actos sexuais entre persoas adultas do mesmo sexo, desvelan os datos da Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais, Trans e Intersex (ILGA). A lexislación de 11 destes países permite aplicar a esta conduta a pena de morte.

A entidade constatou un incremento da violencia contra as persoas LGTB nos últimos anos. De feito, en Europa, continente no que ningún país criminaliza estas relacións, cualificou 2022 como o ano máis violento na última década, “tanto a través de ataques feroces e planificados como a través de suicidios a raíz do crecente e xeneralizado discurso de odio de políticos, líderes relixiosos, organizacións de dereita e expertos dos medios de comunicación”, todo isto no medio da alza da extrema dereita.

Onde máis patente se fixo esta situación é na Arxentina. Tres mulleres lesbianas foron asasinadas nunha pensión a pasada semana logo de lanzarlles unha botella cun líquido explosivo un home que “tiña problemas” coa súa sexualidade, explicou a veciñanza.

A reacción do Executivo ultradereitista liderado por Javier Milei foi rexeitar “definilo como un atentado a determinado colectivo”, após vetar a linguaxe inclusiva na Administración ou eliminar institucións públicas que loitaban contra a LGTBfobia e a favor da diversidade, lexitimando en paralelo os discursos de odio.

No Estado español, a Federación Estatal de Gais, Lesbianas, Transexuais e Bisexuais (Felgtbi+) corroborou o auxe, estimando que no último lustro se produciron 57.000 agresións a membros do colectivo, malia o que o Ministerio de Interior só rexistrou 1.739.

Amnistía Internacional remarca que as “persoas transxénero son vítimas preferentes” deses crimes. O pasado ano 321 persoas trans e de xénero diverso foron asasinadas no mundo, 94% mulleres trans ou persoas trans femeninas. Desde 2008 até setembro de 2023, 4.690 persoas trans foron asasinadas, recollen os datos de 
Transgender Europe.

Así e todo, nos últimos meses tamén se produciron avances, nesta ocasión impulsados pola Xustiza. En Dominica e Mauricio, o Tribunal Supremo derrogou leis que impuñan penas de prisión por relacións entre persoas do mesmo sexo.

Comentarios