Sanidade pública

O teléfono que permite reprogramar citas hospitalarias é de pago para as pacientes

O conselleiro de Sanidade (terceiro pola esquerda) durante unha visita ao CHUVI (Foto: Xunta da Galiza)
Sanidade dá dous teléfonos para mudar a cita de especialista. No de balde non adoitan atender.

Reprogramar unha cita hospitalaria na Galiza vía telefónica está a supor para moitas usuarias e usuarios do Servizo Galego de Saúde (Sergas) un gasto adicional por ter que usar o número de tarificación especial 902 077 333.

Segundo denuncian a Nós Diario pacientes que tiveron que realizar esta xestión co Sergas, nas cartas que envía a administración sanitaria galega aparece un número con código xeográfico da Galiza e a continuación ese 902. No primeiro dos números “non resolven, é o do teu centro de saúde e só lles permiten anular citas hospitalarias, mais non reprogramalas”, denuncia Sara García, paciente da área sanitaria de Vigo. A única alternativa neste caso é a chamada ao número de tarificación especial, “escoitei o custo da chamada e colguei”, explica a Nós Diario esta paciente.

A alternativa era chamar directamente ao hospital para tentar reprogramar a cita, e durante toda unha tarde marcou en repetidas ocasións o número de teléfono do seu hospital público de referencia -o Meixoeiro, no seu caso-; “deixei dúas horas o teléfono coa chamada escoitando a musiquiña e nada”. O certo é que persoal dos hospitais públicos galegos recoñecen que a Consellaría de Sanidade acometeu unha redución do plantel,  “en moitos casos pasando de catro traballadoras a só unha” no servizo de atención telefónica destes centros. 

A situación deixa as usuarias e os usuarios coa única alternativa de pagar a chamada ao 902 ou “pagar un taxi ou autobús e presentarse no hospital para modificar a cita”, denuncia esta paciente de Vigo.

Desde o ano 2008 Sanidade encargou a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, o servizo de cita previa de Atención Primaria na Galiza que, a partir de 2012, se complementou co servizo para a  reprogramación e cancelación de citas no ámbito da Atención Especializada, segundo explican a Nós Diario desde a Consellaría de Sanidade, “coa fin de facilitar un acceso rápido e cómodo aos usuarios”.

Habilitáronse entón teléfonos fixos convencionais, segundo informa Sanidade, “de forma paralela” á posta en marcha do 902077333. O de García non é un caso illado, outras usuarias de distintas áreas sanitarias denuncian que teñen pagado “até 20 euros” por ter que usar o 902 para algunha xestión co Sergas. As denuncias son tamén recorrentes en internet. 

Denuncias

Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) nos números 902, a persoa usuaria ten que pagar o custo íntegro da chamada, “o que pode traducirse en prezos elevados. Unha chamada de só 5 minutos custa arredor de 3 euros desde un móbil e entre 1 e máis de 3 euros desde a rede fixa”.

Estas denuncias chegaron tamén no ano 2022 á organización de consumidores e usuarios Facua Galiza, que presentou unha reclamación. Enviaron desde a asociación escritos ao Sergas e ao Instituto Galego do Consumo (IGC) pedindo a eliminación dos teléfonos de tarificación especial, “xa que a propia normativa obriga as empresas que ofrecen servizos básicos de interese xeral a dispor de numeracións gratuítas”.

Esta reclamación de Facua foi atendida “a medias” por parte da Consellaría, que se limitou a quitar da súa web o 902033777, algo que non fixo nas comunicacións por carta cos pacientes, xa que nesa que recibiu García, á que tivo acceso Nós Diario, segue aparecendo como número de contacto este 902.

A queixa mesmo chegou á Valedora do Pobo no ano 2020, no expediente 92/20 referido ao teléfono “único”, con prefixo 902, para usuarios do Sergas, “un número de tarificación especial con cargo ao usuario que fai a chamada. O Sergas argumentou que este 902 “é un número fácil de memorizar e común para toda a comunidade autónoma”.

A Consellaría de Sanidade afirma a Nós Diario que a empresa que na actualidade presta este servizo na Galiza é a UTE Contactnova SL Centro de Atención de Chamadas SA. Este xornal tamén se puxo en contacto coa empresa; na súa web o único teléfono de contacto para atención  ao cliente tamén é un 902. Para realizar a consulta para esta información a chamada foi duns 14 minutos. Segundo os datos da OCU o importe da mesma foi duns 10 euros.