Os tempos de espera sanitarios son superiores para as persoas maiores de 64 anos

Os autores do informe de EAPN-ES sobre os servizos esenciais e os maiores: Juan Carlos Llano e Leonor Canals, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: EAPN)
A vellez actúa como un factor que limita o acceso aos servizos básicos. Un relatorio da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN) destaca a discriminación das persoas maiores de 65 anos á hora acceder á atención sanitaria. A situación é peor para quen conta con menos recursos económicos.

A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES) presentou esta quinta feira en Compostela unha investigación onde analiza as dificultades das persoas maiores para acceder aos servizos públicos. O traballo, titulado O acceso aos servizos esenciais e a participación na defensa de dereitos nas persoas maiores en pobreza e risco de exclusión social, repara nas limitacións deste colectivo á hora de recibir prestacións sanitarias, destacando o carácter de clase destas limitacións.

O autor principal do estudo e responsábel de Investigación de EAPN-ES, Juan Carlos Llano, incidiu no impacto da fenda dixital entre as persoas maiores; nas diferenzas de clase e xénero no acceso aos servizos sociais; nos efectos do idadismo e na “discriminación que sofren as persoas maiores polo feito de selo”. Llano, que estivo acompañado pola Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, e polo vicepresidente de EAPN na Galiza, Javier Hermida, recalcou a importancia de que este colectivo “recoñeza e reivindique os seus dereitos desde o envellecemento activo”.

A participación social

O traballo de EAPN-ES incide nas vantaxes da participación social para as persoas maiores. Neste sentido, asegura que “a participación en diferentes tipos de actividades, organizacións e organismos vese como un elemento que permite ao mesmo tempo manter un vínculo con outras persoas, e continuar coa realización de actividades que lles permite vivir dunha forma máis harmoniosa cos seus intereses e inquietudes”. A este respecto, destaca que “a participación non é exclusivamente un mecanismo para obter obxectivos externos, senón que tamén permite manter e recuperar os niveis de ocupación que viñan tendo antes de chegar a esta etapa vital”.

O documento elaborado por Juan Carlos Llano conclúe que a sanidade e os servizos dixitais son os servizos esenciais de máis difícil acceso para as persoas maiores. Tanto é así que o Informe Nacional de Saúde de 2022 do Ministerio de Sanidade, o último realizado, avanza que os tempos de espera sanitaria para as persoas maiores de 64 anos son superiores aos do colectivo de 18 a 64 anos. Neste punto, o relatorio lembra que “os tempos de espera non supoñen o mesmo para todas as persoas, senón que teñen implicacións diferentes en función da idade. Así, un mesmo tempo de espera non ten as mesmas consecuencias e/ou implicacións para unha persoa adulta que para unha persoa maior”.

O acceso á sanidade

As maiores dificultades no acceso á sanidade para este colectivo responden a razóns infraestruturais e superestruturais. Así, en relación con estas últimas, o informe de EAPN-ES destaca  que “os prexuízos asociados á idade son os responsábeis de que as persoas maiores de 65 anos non teñan o acceso garantido a estes servizos”. Responsabiliza desta situación tanto a “profesionais” como as “propias persoas maiores de 65 anos e da súa contorna próxima e/ou familiar”, que contribúen á “normalización de problemas de saúde, coa asociación da enfermidade á vellez e á invisibilización e infantilización das persoas maiores”.

As habilidades dixitais das e dos maiores de 64 anos téñense incrementando de maneira considerábel, pero aínda resultan insuficientes para enfrontar a realidade actual. A este respecto, recorda que “a fenda entre o colectivo conformado polas persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos e aquel conformado polas persoas que tiñan entre 65 e 74 anos en 2006 era de 76,2%. Mentres que, en 2021 esta fenda viuse reducida até chegar aos 26,4 puntos porcentuais”.

A derivada de clase condiciona o acceso aos servizos básicos para as persoas maiores. Precisamente, un relatorio presentado no pasado mes de outubro pola propia EAPN recolle que 20% da poboación galega por encima de 65 ou máis anos estaba nunha situación de pobreza en 2022, tras incrementarse a porcentaxe en 4,1 puntos desde 2015. Tanto é así que 364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721 euros ao mes), 47,4% do total.

A pobreza

A poboación pensionista rexistra un estado moi vulnerábel. Segundo se sinala no informe  EAPN-Galiza, un total de 158.038 pensionistas galegas e galegos, 19,8% do total, atópanse en situación de pobreza severa, salientando o relatorio que están nesta situación "37,2% das prestacións de viuvez, recibidas maioritariamente por mulleres". Nesta categoría, inclúense aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores nun 40% á media da renda estatal.

EAPN considera que "estes datos revelan que a situación na Galiza é bastante peor que a nivel estatal (11,6 puntos peor), pois a media estatal estabelece que o 35,8% do total de prestacións que reciben as persoas pensionistas atópanse por debaixo do limiar da pobreza. O dato da pobreza severa na Galiza tamén é o máis elevado nas comunidades autónomas xa que a nivel estatal se sitúa nun 14,7% do total das pensións percibidas en España".

A maiores, este dato volveu rexistrar un incremento en relación a 2021, cunha alza de 6,3 puntos nos últimos tres anos e coas áreas rurais do país presentando peores cifras que os núcleos urbanos.


A CIG mobilizouse en defensa do sistema público de pensións

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse onte nas sete cidades galegas en defensa do sistema público de pensións. As concentracións, convocadas baixo o lema de “Goberne quen goberne, as pensións deféndense”, pretende denunciar que a revalorización das pensións ten “truco”, “xa que se fai con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”. Nesta liña, advirten de que o “mecanismo de cálculo aumenta a perda de poder adquisitivo das nosas pensións”.

A central nacionalista asegura que “a carestía da vida continúa, mesmo con picos de aumento, co que cada día é máis difícil afrontar consumos básicos para a nosa vida diaria”. Neste punto, lembra que “as pensións na Galiza son as segundas máis baixas do Estado español, despois das de Estremadura, cun importe de 1.154,08 euros, 14% inferior á pensión media no Estado, de 1.320,41 euros”. Asemade, apunta que “o Fondo das Pensións chegou a alcanzar un importe de 69.000 millóns de euros no ano 2012 e “foi baleirado polo Goberno español, até deixalo con apenas 2.000 millóns en 2019”.

O sindicato nacionalista entende que o sistema de pensións “só precisa emprego e salarios dignos para a clase traballadora”, porque “a precariedade, en forma de contratos fixos descontinuos, a tempo parcial, as empresas de traballo temporal e a eventualidade son as que poñen en perigo as pensións”. A este respecto, recalca que “a viabilidade do sistema pasa polo feito de que haxa traballo estábel”.