Trasladan ao hospital un ancián achado entre feces e ouriños nun domicilio de Vigo

Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Minutos máis tarde de irromper a Policía na vivenda chegou o xenro do ancián, que confirmou que é el o encargado de darlle de comer todos os días. Porén, após ser preguntado sobre quen o asea, dixo que ninguén.

Os servizos sanitarios de emerxencias trasladaron na tarde desta pasada quinta feira a un centro hospitalario vigués un ancián que foi achado entre feces e ouriños no seu domicilio. Segundo veñen de informar fontes da Policía Local, os feitos ocorreron minutos antes das 18 horas no Camiño da Viña Grande, na parroquia de Alcabre, onde un particular escoitou como esta persoa estaba a berrar no interior da vivenda.

Unha vez no inmóbel, os axentes percibiron ao home berrar o nome de 'Jose' en repetidas ocasións, polo que comezaron a chamar con insistencia á porta, sen que ninguén lles abrise. Por iso, decidiron acudir ao piso inferior, onde unha muller explicou que arriba vivía o seu pai só, que é atendido polo seu marido, o cal nese momento non estaba na casa. Foi ela a que abriu o piso superior para que os policías puidesen atender o home.

Unha vez dentro, atoparon o ancián nun pequeno salón sobre un colchón cheo de excrementos e ouriños. Contoulles que levaba nesa situación meses porque fora operado da cadeira. Minutos máis tarde chegou o xenro do ancián, que confirmou que é el o encargado de darlle de comer todos os días. Após ser preguntado sobre quen o asea, dixo que ninguén.

Ao comprobar que a vivenda estaba nunhas condicións de "insalubridade moi importantes", con forte cheiro a ouriños e feces, os axentes informaron os servizos sociais. Tamén se solicitou a presenza dunha unidade do 061, que trasladou a vítima ao Hospital Ribera Povisa.