Xustiza

O TSXG anula a adxudicación doutro lote de transporte escolar da Xunta a unha UTE por estar dominada por Monbus

Autocar da compañía Monbus, que controla 80% das liñas na Galiza. (Foto: Nós Diario)
Hai só cinco días o alto tribunal galego anulara outra adxudicación polo mesmo motivo.

Só cinco días despois, o TSXG vén de anunciar a anulación xudicial da adxudicación, por parte da Xunta da Galiza, dun segundo lote de transporte escolar a unha UTE por estar, ao igual que a denegada a pasada sexta feira, "dominada por Monbus". O alto tribunal galego acolleu o recurso contencioso-administrativo interposto por nove empresas contra a adxudicación, por parte do Goberno galego, do lote 57 do contrato de transporte escolar a centros públicos dependentes da Consellaría de Educación a unha UTE por estar dominada polo grupo Monbus a 97%.

A iso únese, segundo salientan os maxistrados, a participación porcentual que tiña Monbus noutras UTE que resultaron adxudicatarias noutros lotes nos que se dividiu o contrato de transporte escolar a centros públicos dependentes da Consellaría. "Conclúese que se superaron os límites de adxudicación permitidos polo artigo 8.2 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares (PCAP)", destaca a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo na sentenza, difundida na mañá desta cuarta feira.

En consecuencia, o TSXG anulou a adxudicación do contrato á licitadora dominada por Monbus e ordenou ao órgano de contratación a que lle requira á UTE que obtivo a segunda mellor puntuación — a formada polas empresas demandantes— a presentación da documentación previa á adxudicación do contrato.

Esta é a terceira sentenza que emite o alto tribunal galego relativa ás adxudicacións dos lotes do contrato de transporte escolar. A semana pasada o TSXG tamén anulou a adxudicación a dúas futuras UTE dos lotes 51 e 45 do contrato porque estaban dominadas polo grupo Monbus, cuxa participación excedía de 90% e de 60%, respectivamente.

En todos os casos, segundo a sala, as compañías que se agruparon para conseguir a adxudicación dos lotes estaban "dominadas de forma clara polas empresas do grupo Monbus", unha circunstancia que afirma que "tiña que ser apreciada" pola mesa de contratación, polo órgano de contratación e, finalmente, polo tribunal, para aplicar, no seu caso, o límite imposto no artigo 99.4.b) da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) e na cláusula 8.2 do prego reitor, que acoutaban o número de lotes que poderían adxudicarse a cada licitador.

En concreto, o prego estabelecía un máximo de adxudicación a unha mesma licitadora de oito lotes. Ningunha das sentenzas, porén, é firme, pois contra elas cabe presentar recurso de casación.

Recurso ante o Supremo

Pola súa parte, Monbus avanza que recorrerá ante o Tribunal Supremo tamén este auto, despois de que a semana pasada, sobre as dúas primeiras sentenzas, destacase que non compartía os seus argumentos —os mesmos que neste terceiro veredicto— e anunciase recurso de casación. Entende a compañía que o tribunal incorreu nunha interpretación "contraria aos pregos dos concursos e á propia normativa de contratos do sector público", de aí o recurso, e que confíe en obter resolucións favorábeis aos seus intereses do Supremo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remarcara esta segunda feira, a preguntas que dos medios, que a Xunta, "como sempre fixo" co plan de transporte público e en todo o relacionado con este ámbito, cumpre "escrupulosamente a lei de contratos e todo procedemento administrativo que deben cumprir".