Xustiza

O TSXG anula o permiso da Xunta á única mina de coltán de Europa polo risco ambiental e para a saúde humana

Explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os xuíces ven "insuficiente" o estudo de impacto ambiental no que se baseou o Goberno galego para autorizar a explotación.

Após oito meses de incerteza, o polémico proxecto de extracción de coltán promovido por Strategic Minerals na mina da Penouta, en Viana do Bolo (comarca de Viana), ten xa un veredicto. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza deu a coñecer esta terza feira unha sentenza, datada do pasado 7 de xuño, que declara nulo o permiso concedido en 2022 polo Goberno galego. Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo ampara a súa decisión baseándose na "insuficiencia" do estudo de impacto ambiental. O proxecto xa fora paralizado cautelarmente en outubro do ano pasado ao estimar o TSXG o recurso presentado por Ecoloxistas en Acción.

Esta nova sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, salienta que a promotora non realizou, "nin a Administración o exixiu", unha "oportuna e adecuada avaliación sobre o espazo [natural] de Pena Trevinca, limitándose a indicar que o proxecto non afecta ningún espazo protexido, cando a ZEC e a ZEPA Pena Trevinca fican a cero metros do enclave mineiro, constatándose que as masas de augas superficiais superan a normativa permitida para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo".

O TSXG salienta que se acreditou "o impacto do po resultante de voaduras e movementos, así como fendas en vivendas e a afectación ás augas destinadas a consumo humano, o que motivou denuncias da empresa municipal de Augas de Viana do Bolo, con actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Garda Civil e a Comisaría de Augas".

As emisións e verteduras, explican os xuíces na súa resolución, "están a chegar á Rede Natura 2000, tanto por vertedura a leitos fluviais como por emisións atmosféricas". As fotografías achegadas durante o proceso acreditan "a realidade do po que chega á vexetación e poboación lindeira da mina e, aínda que digan os demandados que realizaron medicións que emiten un valor por baixo do límite estabelecido, estas non foron sistemáticas, ocultando máis do que revelan". Así, manifestan que "a realidade mostra o efecto na poboación situada a 1,5 quilómetros da explotación".

Desta forma, destacan a existencia de gretas nas vivendas por efecto das voaduras, pois chegan a utilizarse "até 8.000 quilos de explosivos", e a presenza de "metais pesados en doses perigosas", tal e como consta nas analíticas presentadas no seu día pola propia mineira. Unhas emisións que chegan á Rede Natura 2000 "polos leitos fluviais contiguos á explotación".

E neste punto, o TSXG cuestiona que, "curiosamente", nin a empresa nin a CHMS realizaron novas analíticas nas que se verifiquen os parámetros de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, substancias perigosas ou perigosas prioritarias, "dificultando a súa estimación nas masas de auga superficiais no último ano e medio, máis aló das evidencias visuais no arroio de Treita das Cortiñas achegadas no seu día, debendo rexeitarse que esta contaminación veña dada pola propia natureza das augas, ricas en ferro e manganeso, cuxa combinación xera ese aspecto, senón que son consecuencia da actividade mineira, tratándose, en realidade, de filtracións dos depósitos e balsas de residuos existentes, producidos por falta de medidas de protección".

Non existen controis periódicos que midan os niveis de tales metais pesados, "tendo en conta que nin a mineira nin a CHMS procederon á monitorización das augas para estas substancias", e nin a declaración de impacto ambiental (DIA) nin a autorización de vertedura estabeleceron tal obriga de monitorizalos, "malia afectaren leitos dos que se obtén auga para o consumo humano", o que xa motivou denuncias do servizo municipal de augas do Concello de Viana do Bolo que tiveron como resultado diversos expedientes sancionadores.

A Sala incide en que as verteduras procedentes da mina, "intensificadas tras a autorización de explotación de recursos sección C —declarada nula na sentenza—" poden estar a causar "unha afección á saúde das poboacións que obteñen a súa subministración de auga potable de tributarios do arroio de Treita das Cortiñas, así como dos pozos ou mananciais que a subministran á poboación de Penouta, contigua á explotación mineira, tratándose o mercurio, arsénico, chumbo e cadmio de elementos extremadamente tóxicos que causan efectos crónicos pola súa bioacumulación no organismo".

Por todo iso, e amparándose no principio de precaución, o alto tribunal galego entende que "non convén permitir a actividade até que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de tales metais presentes nos regachos afectados pola explotación mineira", sendo o citado principio de precaución un dos fundamentos da política ambiental europea no tocante aos espazos incluídos na Rede Natura 2000, que impide que poida autorizarse un proxecto "sen que se demostre a ausencia de repercusións" sobre as augas e a biodiversidade, así como a propia saúde humana.

O TSXG incide en que, habendo tal incerteza, "non pode autorizarse", pois subliña que "os efectos da actividade mineira no medio ambiente son irreparábeis", xa que "non se poden reconstruír ecosistemas". Ademais, engade que o documento de Determinación dos Niveis de referencia das Augas Superficiais e Subterráneas na contorna da Mina de Penouta, elaborado pola Universidade da Coruña, "constata que os niveis desas substancias en varias masas de augas superficiais próximas á mina superan de forma alarmante os límites legais estabelecidos nas normas de calidade ambiental"do Real Decreto 817/15 do 11 de setembro". A sentenza, con todo, aínda non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo.