O TSXG suspende cautelarmente o polígono eólico Valdepereira, a carón da serra do Candán

Zona onde ía ir o parque. (Foto: Adega)

 A proximidade á Rede Natura e as afeccións sobre a avifauna protexida, chaves da paralización cautelar solicitada por Adega.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acolle a pretensión de Adega de paralización cautelar do proxecto eólico Valdepereira, promovido por Aerogeneración Galicia S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo, comarcas do Deza e O Carballiño, respectivamente.

A resolución do auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico Valdepereira, do mesmo modo que xa fixera hai meses con outro parque eólico, Pico Seco, da mesma promotora e nos mesmos concellos.

O P.E. Valdepereira estaría conformado por 6 aeroxeradores de 180 metros de altura cunha potencia total de 24 MW, unha subestación, 6 centros de transformación e unha torre meteorolóxica e estaría situado no centro de Galiza, a carón da Serra do Candán. A liña de evacuación, obxecto doutro expediente, estaría compartida con outros parques da mesma empresa promotora, como é o caso de Pico Seco, tamén paralizado cautelarmente polo TSXG a instancias de Adega.

O Alto Tribunal considera suficientes os indicios achegados pola asociación ecoloxista como proba de que se poderían producir danos irreparábeis sobre o medio ambiente, ben preferente, como consecuencia das obras do polígono eólico Valdepereira, de modo que a única mandeira de asegurar a efectividade da sentenza que se derive do recurso contencioso-administrativo presentado por Adega contra a autorización do proxecto, será suspendendo a execución do acto administrativo.

En concreto, o TSXG sinala a afección “severa, irreparábel ou de difícil reparación”, que as obras deste parque eólico poderían exercer sobre determinadas especies de avifauna que están en situación de vulnerabilidade (gatafornela ou a tartaraña cicenta) ou “Perigo de Extinción” (millafre real), sobre hábitats protexidos e polas proximidade das infraestruturas industriais á Rede Natura e á súa zona de ampliación.

A Sala lembra que este tribunal xa ten chamado a atención sobre “o carácter unitario e continuo da paisaxe, como sobre a continuidade dos hábitats, e a necesidade de contemplar estas circunstancias en sede cautelar”. No caso presente, dous dos aeroxeradores atoparíanse a un escaso quilómetro da delimitación do espazo natural protexido como Rede Natura.

Prevaleza do interese ambiental sobre o económico

O auto de paralización cautelar do parque eólico Valdepereira achega unha reflexión, sinala Adega, sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo propio Tribunal Constitucional, que di que en materia de suspensión cautelar a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente.

 Advirte o TSXG sobre as consecuencias que a execución do parque eólico podería traer para as arcas públicas se este se sentenciase finalmente ilegal: “podería chegar a implicar o deber de demolición (a custa da administración autorizante) e o de indemnización ao promotor que construíu de boa fe amparado en título administrativo”.

O suposto de fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico conformado polas infraestruturas dos proxectos Pico Seco e Valdepereira, alegado pola asociación ecoloxista ADEGA, non foi valorado polo TSXG en sede cautelar por estar ligado aos fondo do asunto, o cal se terá que dirimir no procedemento do recurso contencioso-administrativo.