Xustiza

Nova labazada xudicial: paralizado un parque eólico no Deza pola súa proximidade a núcleos de poboación

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
Polo menos tres núcleos de vivendas están situados a distancias inferiores aos 1.000 metros das instalacións do parque eólico Cunca, de Green Capital Power.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou nun novo auto, difundido esta segunda feira, a suspensión das autorizacións administrativa previa e de construción relativas ao proxecto do parque eólico Cunca, en Vila de Cruces (Deza). Neste caso, a Sala salienta que concorren as circunstancias que xustifican a adopción da medida precautoria solicitada porque a distancia dos aeroxeradores aos núcleos de poboación podería supor "un risco adicional para a saúde das persoas e o benestar dos animais de produción". O parque constaría de cinco aeroxeradores cunha potencia total de 22,5 megawatts e está impulsado por Green Capital Power.

A propia Xunta admitiu —lembra o alto tribunal—, cando emitiu unha declaración de impacto ambiental desfavoábel ao parque eólico Gasalla, que afectaba os terreos de Casa Grande de Xanceda, que unha distancia inferior a dous quilómetros podería ocasionar unha perturbación significativa ao gando vacún. "Entendemos que sería absurdo que a Administración fixese de peor condición os seres humanos que aos animais", salientan os xuíces.

Na resolución, destacan que do informe sobre medicións de distancias pode concluírse que polo menos tres núcleos de vivendas están situados a distancias inferiores aos 1.000 metros. Ademais, indican que a altura dos muíños proxectados é de 200 metros e que entre un dos aeroxeradores e un dos núcleos de poboación afectados hai 510,9 metros, así como que "a normativa actual xa contempla para estes casos por razóns urbanísticas e de calidade de vida un mínimo de cinco veces a altura dos aeroxeradores". A iso súmase, segundo o TSXG, que a DAE do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico "desaconsella para todo o Estado a implantación dunha instalación destas características a menos de 1.000 metros de núcleos de poboación".

Por todo a anterior, a Sala entende que a distancia á que se proxectan construír as instalacións eólicas é "susceptíbel de ocasionar unha perturbación significativa sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais, que constitúe un dano de difícil reparación, ao incidir, en relación aos humanos, sobre os dereitos fundamentais á integridade física e á vida privada e familiar dentro do domicilio".

No auto, o TSXG tamén explica que se acreditou, polo menos indiciariamente, a presenza de valores ambientais altamente sensíbeis —ben por estaren catalogados, ben por tratarse directamente de especies con distinto grao de protección ou en perigo de extinción— que quedarían expostos polas obras a un dano significativo.

Eses valores ambientais foron sinalados, segundo consta no auto, por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á Declaración Ambiental Estratéxica (DAE) do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030. Polo tanto, os xuíces explican que, ante a posibilidade de que ese dano puidese ser de difícil ou imposíbel reparación, optaron por adoptar a medida cautelar, co obxectivo de evitar que a sentenza que no seu día se dite poida ser ineficaz por estar o dano irremediabelmente causado. Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo inciden en que son "fundamentais" os principios de prevención e precaución do Tratado de Funcionamento da Unión Europea. 

Para a Sala tamén resulta relevante a inclusión do espazo da poligonal eólica na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, o cal afirma que serve "como un indicio de que existen valores ambientais significativos".

O TSXG, ademais, advirte que "a ponderación favorábel de intereses económicos como prevalecente é extremadamente excepcional, só admisíbel cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso". Os maxistrados inciden en que o Tribunal Constitucional "concede unha posición preferente en sede cautelar ao medio ambiente sobre os intereses económicos".

No auto, os maxistrados aclaran á promotora que "ningún dano se deriva da suspensión cautelar por transcurso de prazos para a execución de obras e solicitude de sucesivas autorizacións". Así, lembran que "unha vez que un órgano xudicial acorda a suspensión dun acto administrativo en sede cautelar, queda suspendida a súa eficacia e, con ela, os prazos aos que se someten os deberes reflectidos no mesmo, neste caso, a realización de obras e solicitude de autorización de explotación". O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.