A Xustiza desautoriza á Xunta e paraliza seis novos parques eólicos

A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión cautelar doutros seis parques eólicos autorizados pola Xunta da Galiza. As últimas resolucións do alto tribunal galego elevan a 40 os proxectos eólicos paralizados temporalmente pola administración de xustiza tras recibir a licencia do Goberno galego.  

Polígono eólico na Serra do Suído. (Foto: N. B.).
photo_camera Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).

O parque eólico Treboada, emprazado en San Xoán de Río (Terra de Trives), A Pobra de Trives (comarca homónima) Castro Caldelas (Terra de Caldelas), Chandrexa de Queixa Terra de Caldelas e Ribas de Sil (comarca de Quiroga) é un dos proxectos paralizados polo TSXG. Outro deles, denominado parque eólico Xeada, localízase nos concellos valdeorreses da Rúa e Vilamartín de Valdeorras e no municipio de Quiroga (comarca homónima).

O parque eólico Legre, situado nos concellos de Mesía (comarca de Ordes) e Oza-Cesuras (comarca das Mariñas), é outra das instalacións suspendidas polo TSXG. Na mesma situación, atópase o parque eólico Dos Cotos, emprazado no municipio de Cerdedo-Cotobade, na comarca de Terras de Pontevedra. Neste caso, o TSXG defende a súa actuación en base “non só protección do medio natural, senón da protección da saúde e o benestar do ser humano que habita na zona".

O alto tribunal galego decreta, tamén, a suspensión cautelar dos complexos eólicos de Mesada e de Monte do Cordal. O primeiro deles, sitúase no concello Vila de Cruces, na comarca do Deza, e o segundo no municipio de Friol, na comarca de Lugo, destacando en relación con este o TSXG que "o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora do parque eólico en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito".

A nova desautorización do TSXG á política eólica da Xunta da Galiza coincide coa reclamación ao Goberno do Estado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, de que resolva “canto antes a regulación dos concursos" da eólica mariña, cuxa paralización demanda o sector pesqueiro galego.

Na mesma liña, Lourenzá esixe que "se mobilicen as autorizacións correspondentes para traballar desde xa" nas plataformas experimentais da eólica mariña na costa galega.

Comentarios