O TXUE priorizará a cuestión prexudicial sobre eólicos mais rexeita tramitala como acelerada, como pedía o TSXG

Sede do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo. (Foto: Nós Diario)

O tribunal europeo indica que “tendo en conta o asunto e a importancia das cuestións que expón”, daralle “prioridade sobre os demais".

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) rexeitou tramitar como acelerada a cuestión que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) expuxo sobre autorizacións para construír parques eólicos, pero si lle dará "prioridade sobre os demais".

Así o informa o TSXG nun comunicado despois de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en declaracións aos medios pola mañá, mostrase a súa satisfacción por que o TXUE vaia a dar "prioridade" a esta tripla cuestión prexudicial.

Con todo, o alto tribunal galego matiza que a xustiza europea non admitiu a súa petición de que a tramitación desta tripla cuestión prexudicial fose polo proceso acelerado. En concreto, a cuestión versa sobre se a Xunta debeu pór a disposición do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre os parques eólicos para que puidesen participar no proceso. Así o fixo a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, ante a existencia de 202 litixios sobre autorizacións de construción de 82 parques eólicos na Galiza.

No auto, con data do 10 de setembro, o TXUE explica que, aínda que esta tramitación acelerada pode estar justicicada "cando exista un risco de que se produzan consecuencias irremediábeis para o medio ambiente", neste caso entende que "non se desprende que tal risco exista no litixio principal". E é que, tal e como engade, "non se infere que os parques eólicos de que se trata estean a construírse, a pesar dos recursos interpostos".

Por tanto, o TXUE non cre que este asunto deba resolverse "en breve prazo". Iso si, daralle "prioridade sobre os demais", "tendo en conta do asunto e da importancia das cuestións que expón".

A conselleira mostrábase "contenta"

Pola mañá, a conselleira insistía en que as teses do TSXG, que paralizou até o momento 59 proxectos, xerarían un "auténtico caos" no sector. Por iso, expuxo a súa satisfacción despois de que, segundo informaba ela mesma en declaracións aos xornalistas, o TXUE trasladase que dará "prioridade" á cuestión prejudicial.

Ángeles Vázquez manifestou sentirse "contenta" pola comunicación de que o TXUE lle dará "prioridade ao tema galego" debido á "transcendencia do tema" xa que a resolución deste tipo de asuntos, segundo explicou, adoita demorarse "uns 18 meses".

Vázquez apuntou que "a parálise dos eólicosna Galiza non é allea ao resto de España" e que esta decisión do TSXG pode afectar tamén as declaracións de impacto ambiental".

Ademais, anunciou que "a vindeira sexta feira" haberá un encontro entre técnicos da Consellería de Medio Ambiente e do Ministerio de Transición Ecolóxica, quen, na súa opinión, "parece que despois de moitos meses abriron os ollos". "Pode haber un auténtico caos en España pola tese do TSXG", afirmou.