As universidades públicas galegas chegan a setembro con prazas libres en 20% dos graos

Exame da ABAU 2024 na Facultade de Comunicación da USC, en Compostela. (Foto: Arxina)

Só o Grao en Traballo Social pola USC completou a matrícula tras a sexta convocatoria.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta terza feira o sexto chamamento á matrícula, despois do quinto realizado xa a finais de xullo. De tal forma, as tres universidades públicas galegas chegaron a setembro, a poucos días de que comecen as clases, con 39 carreiras —unha de cada cinco— nas que aínda hai prazas libres.

E é que, de acordo coa listaxe publicada esta terza feira, tan só o Grao en Traballo Social pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) completou a matrícula tras esta sexta convocatoria. De feito, a finais de xullo, co quinto chamamento, eran só 34 as titulacións que tiñan prazas libres. Agora, creceron até as 39. Pode deberse a diversos motivos, por exemplo a alumnado que, aínda que foi aceptado nunha carreira, non acabaron formalizando a súa matrícula.

Por universidades, na de Vigo aínda aceptan estudantes o Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Enxeñería Agraria e Turismo, no campus de Ourense. Na propia cidade olívica, aínda hai prazas en Enxeñaría Forestal, o PARS (Programa Académico de Percorrido Sucesivo) en Telecomunicación, Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, Linguas Estranxeiras, Tradución e Interpretación Español-Francés e Galego-Inglés, e Filoloxía Aplicada en Galego e Español.

Na USC, aínda non colgaron o cartel de 'completo' Ciencia Política e da Administración, Filoloxía Clásica, Lingua e Literatura Galegas, Linguas e Literaturas Modernas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xeografía e Ordenación do Territorio, todas elas en Compostela. No campus de Lugo, aínda non fecharon a admisión Administración e Dirección de Empresas, Enxeñería Civil, Enxeñería Forestal e do Medio Rural, Procesos Químicos Industriais, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Paisaxe, Xestión Cultural tanto presencial como semipresencial, e o Grao Aberto “5USC Enxeñarías”.

Finalmente, na Universidade da Coruña (UDC), aínda hai prazas en Enxeñaría Eléctrica, Relacións Laborais e Recursos Humanos, e Xestión Dixital de Información e Documentación, en Ferrol. Na cidade herculina, non están completas Enxeñaría de Obras Públicas, Máquinas Navais, Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, Galego-Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, Socioloxía, Tecnoloxías da Enxeñaría Civil, Turismo presencial e 'en liña', e o dobre grao en Inglés e Galego-Portugués.

Prazos

O alumnado que fora convocado a matricularse esta terza feira terá de prazo desde esta cuarta feira 4 ás 00.01 horas até esta quinta feira, día 5, ás 23.59 horas para formalizar a matrícula. Unicamente poderán facelo aquelas persoas que posúan cualificación igual ou superior á da última persoa convocada en cada titulación.

Se a persoa solicitante aparece convocada nunha titulación que non sexa a de primeira preferencia poderá esperar a matricularse nela (en sucesivas convocatorias) en tanto non feche a matrícula nas titulacións solicitadas con maior preferencia.

Para iso, deberá reconfirmar na plataforma 'Nerta' que desexa continuar na lista de espera, pero debe ter en conta que só quedan tres chamamentos máis e prazas libres en 39 titulacións.