Educación

A USC escala no Ránking de Shanghai e fica entre as 600 mellores universidades do mundo

Estudantes realizando un exame da ABAU deste ano na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en Compostela. (Foto: Arxina)
A Universidade de Vigo, pola contra, experimenta unha forte caída na clasificación até situarse entre os postos 801 e 900.

As universidades chinesas medran a pasos axigantados para intentar facer fronte á supremacía das estadounidenses, que aínda copan os primeiros postos do Ránking de Shanghái, cuxa última actualización, relativa ao presente ano 2024, foi publicada esta mesma quinta feira. Harvard, Stanford e o MIT soben ao podio, nesta orde, por terceiro ano consecutivo nunha clasificación na que a Universidade de Santiago de Compostela gaña peso en contraposición co forte retroceso que experimenta a Universidade de Vigo. Non aparece no ránking ao non figurar entre as 1.000 institucións mellor valoradas de todo o mundo a Universidade da Coruña.

A USC permaneceu durante tres anos consecutivos, de 2020 a 2022, na parte alta deste ránking internacional, entre as 500 mellores universidades, logo de alcanzar en 2016 e 2017 o seu mellor resultado histórico: do posto 301 ao 400. O pasado ano caeu dous chanzos —ficou entre o 601 e o 700—, mais en 2024 recupera terreo e pasa a situarse entre a 501ª e a 600ª mellor institución académica superior a nivel global.

En 2024 a USC consegue, igual que no ano precedente, o seu máximo histórico nun dos parámetros que analizan os resultados da investigación, concretamente o relativo ao número de artigos publicados nas revistas científicas Nature e Science.

Tamén ve incrementada a súa puntuación no indicador HiCi, que fai referencia ao número de artigos indexados no 'Science Citation Index-Expanded' e no 'Social Science Citation Index' en 2023, así como no rendemento académico per cápita. E destaca igualmente no apartado de persoal investigador altamente citado na base de datos Web of Science, propiedade de Clarivate Analytics.

Forte retroceso da UVigo

Neste mesmo treito localizárase a UVigo durante os catro últimos anos de forma consecutiva após tocar teito en 2011 meténdose entre as 500 mellores universidades —da 401 á 500— e agora, porén, descende de forma considerábel na táboa, até situarse entre os postos 801 e 900. É a súa peor posición en máis dunha década.

A institución viguesa destaca unha vez máis coas súas publicacións e a difusión de moitos artigos asinados polo seu persoal nas prestixiosas revistas Nature e Science, parámetro este último que supón a quinta parte (20%) da cualificación total neste ránking.

Porén, vese penalizada por outro factor que computa o mesmo na nota, o de autores e autoras altamente citadas, no que non obtén ningún punto dado que en 2024 non logrou 'coar' representantes da UVigo no ránking que cada ano compila Clarivate cos máis de 7.000 investigadores e investigadoras que máis veces foron citadas.