Entrevista

Vázquez Mao: "Rueda non permite voces críticas co proxecto de Altri"

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico. (Foto: Nós Diario).

Xoán Vázquez Mao é desde a súa fundación en 1992 o secretario xeral de Eixo Atlántico. Nesta conversa analiza para Nós Diario, a situación da entidade e repasa as súas principais liñas de traballo nos diferentes ámbitos de actuación.  Ao tempo, demanda unha nova acción exterior da Galiza en relación co Portugal.

—A pasada quinta feira coñeceuse a decisión do Concello de Ferrol de abandonar o Eixo Atlántico, co que xa son catro as institucións gobernadas polo Partido Popular que abandonaron o grupo e que vostede vinculou a súa posición persoal sobre o proxecto de Altri, como está agora mesmo a situación na entidade?
Está é unha posición dos tres concellos do Partido Popular obrigados por Rueda a abandonar o Eixo Atlántico. No caso concreto de Lalín e Ferrol non tiñan ningunha intención de irse até que os obrigaron. En todo caso, non responde a ningún tema interno do grupo, onde se integran 39 institucións, senón a unas declaracións particulares miñas sobre Altri.

O señor Rueda pode criticar a todo o mundo pero a el non se lle pode dicir nada. Rueda é un tipo moi gris e moi mediocre, que cando chegou a candidato do PP viuse obrigado a realizar unha campaña de promoción nos medios dado o seu nivel de descoñecemento. En consecuencia é unha persoa moi insegura e a esa inseguridade leva Rueda a non permitir voces críticas co proxecto de Altri, por algunha razón descoñecida que algún día saberemos.

A saída de Ferrol do Eixo Atlántico non significa que a comarca de Ferrol non vaia seguir tendo un peso importante na nosa actividade.

—O Eixo Atlántico traballa en varios proxectos referidos a Ferrol, entre eles un estudo sobre a conexión ferroviaria entre a cidade departamental e A Coruña, a saída do Concello de Ferrol da entidade vai significar a súa paralización?
Os proxectos de país non teñen que ver coas conxunturas. A liña ferroviaria de Ferrol coa Coruña e a súa conexión con Lisboa ten unha importancia estratéxica para  a articulación do país e imos seguir traballando nela. O que si que se vai perder o Concello de Ferrol é a participación nas actividades do Eixo Atlántico como os certames musicais, os encontros deportivos ou as actividades conxuntas de promoción turística.

A saída de Ferrol do Eixo Atlántico non significa que a comarca de Ferrol non vaia seguir tendo un peso importante na nosa actividade. Narón segue facendo parte do grupo e o anterior alcalde de Ferrol, Angel Mato, falou con nós para que sigamos mantendo os temas de Ferrol.  Neste sentido, imos apoiar todos os proxectos que xurdan da zona, como a construción dun dique cuberto para Navantia, que multiplica a capacidade de produción da fragata 110, que crea emprego e desde unha perspectiva sustentábel

—Falaba vostede da importancia da conexión ferroviaria da Galiza con Portugal, en que situación se atopa actualmente ese proxecto?
Agora mesmo no tramo Ferrol-Coruña non está feito nada. Entre a Coruña e Vigo contaremos cunha liña nova de altas prestacións. A saída de Vigo a Porriño está desbloqueada. E o tramo de Porriño á fronteira portuguesa terá licitado neste ano o estudo informativo. A totalidade dos tramos portugueses, agás o de Porto até Braga estarán rematados entre o ano 2030 e 2032.

—As conexións económicas entra a Galiza e o norte de Portugal son cada día máis sólidas, pero como son as relacións institucionais?
A política da Xunta con Portugal non existe. A comisión de traballo entre a Galiza e o norte de Portugal hai anos que non convoca o plenario. Neste momento, non hai relacións institucional do Goberno galego galego con Portugal.

A Xunta da Galiza non está aproveitando as potencialidades económicas da eurorexión, entre outras cousas, porque carece de política industrial e de política de captación de fondos, coa que si conta Portugal.

"Non hai crise interna no Eixo Atlántico"

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sinala a Nós Diario que "non hai ningunha crise interna no Eixo Atlántico. O alcalde de Lalín, Pepe Crespo, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey eran membros da executiva do grupo, onde hai alcaldes e alcaldesas que discrepan, critican ou fan suxestións, que a maior parte das veces se asumen".

Vázquez Mao apunta que “as liñas de traballo do Eixo Atlántico van continuar. Estamos moi fortes en diversas áreas de traballo e imos continuar reforzando outras como o deporte adaptado, onde Portugal ten moi moito máis traballo que a Galiza” Neste sentido, incide que "a saída da entidade dos concellos de Ponteareas, Lalín e Ferrol non responden a ningunha diverxencia ou diferencia interna sobre o rumbo do colectivo, senón a unhas declaración miñas a título particular sobre Altri".