Veciñanza da Ulloa rexeita Altri na visita da Xunta á Palas de Rei para apoiar o proxecto

Protesta contra Altri de Ulloa Viva en Palas de Rei, onte, durante a visita de Lourenza, Prado e Vázquez. (Foto: Ulloa Viva)

A plataforma Ulloa Viva mobilizouse onte en Palas de Rei (A Ulloa) contra o proxecto de Altri, coincidindo cunha visita a esta localidade das conselleiras María Jesús Lourenzá e Ángeles Vázquez e da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, que acudiron a defender a pasteira promovida pola multinacional portuguesa.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, e outros responsábeis institucionais e orgánicos da formación acudiron onte a Palas de Rei para expresar o seu apoio ao proxecto de celulosa de Altri neste municipio, tras manifestar o pasado domingo o secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), José Ramón Gómez Besteiro, o seu desacordo coa iniciativa e o seu convencemento de que a mesma non era financiábel con cargo aos fondos Next Generation.

Lourenzá denunciou que o proxecto de Altri "está sendo claramente castigado pola Moncloa e as súas sucursais na Galiza", asegurando que o PSdeG sitúase "en contra do emprego e do desenvolvemento industrial da Galiza só por seguir as ordes de Pedro Sánchez" e o BNG "é incapaz de entender que o desenvolvemento industrial e o aproveitamento dos nosos recursos son compatíbeis". Neste punto, indicou que "nós imos seguir loitando para que non se castigue Galiza e para que os nosos proxectos poidan ter financiamento"

Lourenzá, Vázquez e Prado foron recibidas na localidade da Ulloa por ducias de veciños e veciñas da comarca que expresaron o seu rexeitamento á celulosa. Ulloa Viva, entidade convocante da concentración, cualificou Lourenzá e Vázquez como "as maiores valedoras de Altri-Greenalia" e criticou que "non entendemos que logo de todas as peticións que temos feito ás conselleiras de Medio Ambiente e Economía para que falen cos veciños e coas veciñas, só reaccionen cando semella que os fondos públicos que piden para Altri non van chegar, e veñan correndo a Palas de Rei a reunirse cos voceiros do PP, en vez de escoitar os veciños e as veciñas que saímos en Palas o 26 de maio ás rúas, máis de 20.000 persoas".

'A Xunta quedou soa'

Ulloa Viva reclamou ao Goberno galego "que abandone a súa postura de defensa da empresa fronte ás evidencias técnicas e científicas que deixan claro que o proxecto é un atentado medioambiental e socioeconómico contra o corazón de Galiza". Na mesma liña, o colectivo apuntou que "queda claro que a Xunta quedou soa na defensa da macrocelulosa".

O colectivo urxiu á Xunta da Galiza "que abandone o seu negacionismo medioambiental e se poña dunha vez por todas do lado dos técnicos, do lado dos científicos e do lado da veciñanza. Que se poñan do lado da Galiza". Nesta dirección, afirma que "cada vez enténdese menos que un Goberno que tería que defender o seu territorio e os seus cidadáns siga empeñado en ir contra a veciñanza e as advertencias dos técnicos para beneficiar a unha empresa privada e catro amigos".

Aliás, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusou onte o PP "manobrar na Comisión de Peticións para que as denuncias presentadas contra a instalación de Altri non sexan debatidas nesta Comisión" do Parlamento Europeo.