Sanidade pública

Veciñanza de varios concellos mobilízase contra os recortes da Xunta en sanidade

Concentración onte diante do centro de saúde de Ribeira e, abaixo á dereita, en Fornelos de Montes. Á dereita, protesta no consultorio de Aguiño, tamén en Ribeira. (Foto: Nós Diario).

A negativa da Xunta da Galiza a cubrir as baixas do persoal médico está a provocar unha caída na calidade asistencial. Esta sexta feira saíron á rúa para protestar contra esta decisión veciñanza e profesionais sanitarios de varios concellos do Barbanza así como en Fornelo Montes, na área sanitaria de Vigo.

Persoal sanitario de Ribeira, no Barbanza, leva desde o 10 maio mobilizándose todas as sextas feiras en demanda de máis medios para o centro de saúde da localidade. Nel, permanecen vacantes cinco das 10 prazas de Medicina das que dispón o ambulatorio en quenda de mañá, ao negarse a cubrir o Goberno galego as baixas con novos profesionais. Esta sexta feira protestaron de novo diante do centro sanitario acompañados de veciños e veciñas preocupados coa situación da asistencia sanitaria no concello. Ao tempo, a veciñanza de Ribeira tamén se concentrou diante dos consultorios das parroquias de Aguiño e Palmeira.

O persoal sanitario de Rianxo e Boiro, tamén na comarca do Barbanza, concentrouse esta sexta feira diante dos seus respectivos centros de saúde. Na primeira localidade comezaron as protestas o 16 de maio para reclamar que a Xunta da Galiza cubra as catros vacantes de Medicina que rexistra o centro de saúde e que representa a metade do cadro de persoal do consultorio. Na mesma liña, profesionais sanitarios de Boiro levan saíndo á rúa desde o 24 de maio para denunciar que tres das 12 prazas de Medicina permanecen vacantes de forma estrutural. Nun caso e noutro, as mobilizacións contaron coa participación activa da veciñanza.

A tempada estival

A situación está chamada a empeorar nos meses de verán, onde a poboación destes concellos increméntase de forma exponencial pola chegada de turistas, cuestión que nestas localidades adquire un carácter marcadamente residencial. Tanto é así que na tempada estival, segundo os datos ofrecidos polo Goberno galego, o concello de Ribeira  incrementa a súa poboación en perto de 20.000 persoas; o concello de Rianxo aumenta os seus habitantes nunha cifra próxima a 6.000 persoas e o concello de Boiro en case 12.000. Precisamente, este importante continxente de visitantes provoca unha maior presión asistencial.

A pediatra do Hospital de Ribeira e voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, Marián Rodríguez, sinala a Nós Diario que “a nosa é unha zona de veraneo, e distingo veraneo de turismo, porque moita xente da que vén aquí ten unha segunda residencia e pasa todo o verán e non só uns días. Aquí vén xente maior que está con sintrom e ten que seguir cos controis e hai xente con doenzas crónicas que precisa estar atendida durante este tempo”. Nesta dirección, denuncia que o único reforzo para a tempada do verán limítase a dous médicos en Ribeira desde xuño até setembro.

Falta de pediatras

A comarca do Barbanza non foi a única que saíu esta sexta feira á rúa para protestar polos recortes sanitarios. Máis dun cento de persoas volveron mobilizarse en Fornelos de Montes, municipio de 1.647 habitantes na comarca de Vigo, que leva manifestándose desde o mes de maio, cando a Consellaría de Sanidade suprimiu a asistencia pediátrica que se prestaba no centro de saúde da localidade dous días a semana durante dúas horas. A este respecto, unha das promotoras da protesta, Geli Carrera, indica a Nós Diario, que “o 8 de maio soubemos que nos deixaban sen pediatra, obrigándonos a acudir a Redondela para pasar revisión ás nosa crianzas”.

Os problemas sanitarios para a poboación de Fornelos de Montes non acaban aquí. A este respecto, Carrera indica que “a última semana de maio e a primeira de xuño estivemos sen médico no centro de saúde”. Ao tempo, destaca que “debemos agardar un mes para conseguir unha cita ordinaria co médico, porque as axendas están fechadas, co que isto representa nun concello cunha poboación moi envellecida”. Nesta liña,  avanza novas mobilizacións para o 18, 21, 25 e 28 de xuño e explica que “imos continuar coas protestas porque na reunión que mantivemos coa xerencia da área sanitaria de Vigo non se nos ofreceu ningunha solución”.

A situación denunciada polos sanitarios e a veciñanza dos concellos do Barbanza e de Fornelos de Montes repítese en todas ás áreas sanitarias galegas. Así, por exemplo, o centro de saúde de Teis, na cidade de Vigo, ten sen cubrir un terzo das 18 prazas de persoal médico, contando na quenda de tarde con menos da metade do persoal facultativo necesario. Neste sentido, o voceiro do BNG na cidade, Xabier Pérez Igrexas, advirte de que “esta situación non é específica do barrio de Teis e que, coa chegada do período estival, vaise agravar en numerosos centros de saúde da cidade, mesmo coa ameaza de feche”, citando os casos dos ambulatorios de Coia, Navia, Pintor Colmeiro ou Matamá.

As áreas sanitarias de Ourense e Lugo rexistran a situación máis complicada. Nesta última, a Consellaría de Sanidade está procedendo aos feches de centros de saúde en concellos como Folgoso do Courel (comarca do Courel), Cervantes (Os Ancares) ou Castro de Rei (A Terra Chá). Nesta localidade, o BNG convoca unha protesta para mañá diante do consultorio en “defensa dos dereitos sanitarios da veciñanza”, tras coñecerse que a Xunta acordou o feche do centro de saúde Castro de Rei entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

9% das prazas de Medicina de Primaria están sen cubrir

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, criticou, esta sexta feira, a orde do día Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) e cargou contra a ministra de Sanidade por non propor alternativas para cubrir as baixas médicas derivadas das vacacións de verán.

Gómez Caamaño apuntou que Consello ías "ser moi aburrido, polo menos para min", "longuísimo", "súper técnico" e "cheo de programas e informes". Nesta liña, denunciou que "é excesivamente técnico" e criticou que o Goberno estatal fuxa "da realidade" e non trate "o tema principal, que é a falta de persoal sanitario neste verán".

As palabras de Gómez Caamaño chegaron tras anunciar a finais de maio a decisión da Xunta da Galiza de non cubrir as baixas por vacacións do persoal médico. Unha medida que agudiza o problema da falta de facultativos que con diferente intensidade se percibe durante todo o ano.

A Galiza mantén vacantes durante todo o ano 243 prazas de médicos de Atención Primaria. 133 delas atópanse nesa situación con carácter permanente por non dispor de titular e as 110 restantes temporalmente por ausencia do profesional adscrito á mesma. Así, o número de vacantes estruturais alcanza o 9,3% do total das prazas.