Vellez Digna apoia a denuncia sobre os avisos de inspección nas residencias de maiores

A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia (Foto: Xunta da Galiza).
A Consellaría de Política Social nega os feitos, mentres que o BNG e o PSdeG solicitan unha investigación.

A asociación Vellez Digna apoiou este sábado “a denuncia pública feita pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), de que as inspeccións que realiza a residencias son avisadas previamente”.

“Este feito xa non era ningún secreto, senón algo máis que evidente, todos os familiares saben que desde a Consellaría [de Política Social] se traballa na protección das empresas e non dos residentes, que se boicotea a acción da inspección, e mesmo se minte nas respostas (que son documentos públicos ) que dan as nosas denuncias por parte da xefatura dese servizo”, denunciou a asociación.

“Tamén se vulneran os dereitos de residentes e familiares negando acceso aos expedientes e incluso as actas de inspección que son públicas, deixándonos indefensos ante as os abusos das empresas e da propia Administración cómplice”, engadiu Vellez Digna.

“A Consellaría ten uns comportamentos mais propios das mafias que dunha Administración Pública, e intentará exercer represalias sobre os inspectores que fan esa denuncia”, opinou o colectivo, que agradeceu “a valentía da asociación [de inspectores e inspectoras], ao verificar e sacar a luz pública, a podremia e corrupción que Fabiola García [a conselleira de Política Social] implantou no seu departamento, e que os familiares e usuarios levamos denunciando varios anos”.

“Facer inoperativo o servizo de inspección garante a impunidade a unhas empresas nas que, frecuentemente, se producen graves vulneracións dos dereitos humanos; con esta forma de actuar preparouse o terreo para que pasara todo o que pasou na crise da Covid”, sinalou Vellez Digna, que lembrou “que as residencias máis mortais, as DomusVi de San Lázaro, Barreiro e Aldán, eran precisamente as que tiñan máis denuncias previas, e as que a Xunta [da Galiza] sempre se negou a sancionar dándolles absoluta impunidade”.

"Trátase dunhas acusacións moi graves que carecen de absoluta veracidade e que, ademais, a pesar da súa gravidade fanse sen ningún tipo de proba. Isto é así porque non a hai, xa que as afirmacións que aparecen no documento son completamente falsas", asegurou a Consellería de Política Social, Fabiola García.

O departamento indica que "evidentemente, non se dá ningún tipo de aviso á dirección dos centros", algo que, apunta, "corrobórao o feito de que se seguen interpoñendo expedientes sancionadores cando se atopan cuestións que non están acorde á normativa". "Se houbese avisos non se producirían sancións", insistiu.

“A Xunta, por suposto, minte como sempre, ao negar a denuncia de Agiss, non esperabamos outra cousa dunha Administración hipócrita e sucia, con tanta responsabilidade directa no maltrato crónico que, salvo algunhas excepcións, impera no sector”, criticou Vellez Digna. “Fano con plena consciencia de que supón unha vulneración da lei, é o que se denomina prevaricación”, sentenciou.

“Sóbrannos evidencias destes avisos, desde declaracións directas de traballadoras até o feito constantemente repetido de que antes da chegada dunha inspección todo cambia na residencia que vai ser inspeccionada, se teñen internos de mais, estes son sacados fóra ás agochadas e ese día poñen mais persoal traballador”, denunciou a asociación.

“Se se trata dunha inspección por unha denuncia de familiares ocultan probas e evidencias, o malo disto e que detrás hai moito sufrimento e grazas á Xunta ese sufrimento se mantén invariábel porque a Consellaría cobra dos galegos, mais parece que traballa só para as residencias”, concluíu o colectivo.

O PSdeG esixe á Xunta unha "investigación inmediata"

A secretaria de Políticas Sociais da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Marga Martín, exixiu este sábado (como tamén fixo o BNG o pasado 9 de agosto) á Xunta que abra unha "investigación inmediata" sobre as supostas filtracións das datas nas que se realizarían inspeccións, realizadas desde a Consellaría de Política Social ás empresas que xestionan os centros de maiores.

Desta forma, a socialista advertiu de que de confirmarse o obxecto da denuncia sería "un feito gravísimo", polo que demanda que "se poñan todos os medios necesarios para que se chegue até o final e se aclare radicalmente o que pasa".

"A gravidade do sucedido radica en que é o Goberno galego o que ten a responsabilidade de velar pola seguridade, a saúde e o benestar dos maiores, especialmente dos máis vulnerábeis, é o que debe garantir o bo funcionamento destes centros residenciais", sinalou.

Martín advertiu ademais de que "xa non é a primeira vez que se denuncian feitos parecidos". "Cando se produciron as investigacións pertinentes sobre o funcionamento das residencias durante a pandemia de Covid, a Xunta púxose de lado das empresas e non dos residentes e as súas familias", indicou.

No comunicado denuncian tamén a situación da dependencia na Galiza, especialmente destes centros de maiores. A este respecto, a socialista destacou que segundo un informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Xeriátricos de 2021 que analiza datos do Imserso (Instituto de Maiores e Servizos Sociais), “a Galiza ten a peor porcentaxe en canto a prazas públicas, de 41% respecto á taxa de 62% do conxunto do Estado”.

Ademais, apuntou que unha gran parte das consideradas como prazas públicas están xestionadas por empresas privadas mediante diversos mecanismos de privatización. Neste sentido, o PSdeG rexistrou iniciativas parlamentarias para "aclarar os feitos" e "exixir a asunción das correspondentes responsabilidades", sen descartar "que non se poidan abordar outras vías de actuación máis alá das meramente institucionais" de confirmarse os feitos denunciados.