A vertebración ao redor da AP-9 supón un risco para contraer a Covid
Anticiparse ao avance da pandemia da Covid-19 para poder tomar medidas en cada momento. Este é o obxectivo do proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) liderado polo físico Jorge Mira. A través de diferentes métodos e bloques de estudo o grupo de investigadores está a traballar na predición dinámica de escenarios de afectación pola Covid a curto e medio prazo.
Un destes bloques ten como obxectivo a elaboración dun mapa de risco galego e estatal a partir das vías de comunicación (estradas, portos, aeroportos...). A investigación busca determinar que zonas son máis sensíbeis á pandemia en función da súa posición xeográfica e das súas vías de comunicación. En declaracións a Nós Diario, Mira sinala que “existe unha vertebración que se dá, sobre todo, pola AP-9, algo natural porque é unha das estradas por onde máis xente se traslada no país”.
Outra das hipóteses nas que está a traballar o persoal investigador baralla a idea de que “por mor doutros procesos víricos, poida existir certa inmunidade á Covid, que se sumará á obtida coa vacinación”, indica Mira.
En relación á inmunidade, as e os investigadores estudan a aparición das novas cepas de Covid –a procedente do Reino Unido, do Brasil e de Suráfrica– e que efectos poden ter na sociedade. Sobre estes estudos, Mira explica que “Galiza é un terreo aínda susceptíbel a máis contaxios, xa que –con datos do último estudo de seroloxía de novembro– non conta coa inmunidade de rabaño que presentan outros territorios como Madrid; a nosa porcentaxe é unha das máis baixas do Estado español”, asegura.
As diferentes normativas aplicadas no territorio e a heteroxeneidade da afección da pandemia fixeron que os investigadores tiveran que cambiar os métodos clásicos de predición para pasar a analizar a resposta da cidadanía ante a pandemia a través das redes sociais. Analizan as manifestacións que se van vertendo na rede para detectar como de proclive é a sociedade a cumprir as normas.
Todos estes factores fan que “exista moita dúbida sobre o curso da curva de contaxios”, expón o físico. "As novas cepas, o cambio do comportamento das persoas e o esgotamento que poida existir para cumprir a normativa” son chave para a predición.
Este proxecto forma parte do programa de micromecenado Sumo Valor, vencellado a investigacións sobre a Covid da USC.